Os moitos seguidores de 'Larpeiros', eses milleiros de persoas que nas cociñas das súas casas seguen paso a paso as receitas que Benigno Campos lles fornece nos seus libros, teñen agora a oportunidade de achegarse, con este Onde mercan os Larpeiros ás máis excelentes galdrumadas da nosa terra. Tomás Alonso e Víctor López, os autores, percorreron Galicia toda na procura dos ingredientes e mais das persoas, desas boas xentes que con agarimo e alta profesionalidade fabrican pan; crían tenreiras, capóns ou porcos; sementan fabas, pementos ou cogomelos; pescan robalizas e pescadas do pincho; elaboran amendoados, bicas e tortas…, unha festa para os padais máis esixentes. Os nosos "Reis dos Mercados" falaron con eles e interesáronse polas súas angueiras e ilusións, e facilítannos as pistas para chegar aos seus produtos, asegurándonos que a nosa calidade alimentaria medrará moitos enteiros o seu consumo. Di Xosé Cermeño, no limiar, que "este libro encerra a información práctica que converterá a calquera aspirante a larpeiro nun experto das conversas de sobremesa onde os lambóns diplomados compiten por ver quen coñece o mellor sitio para mercar queixo ou comer empanada". Seguindo os itinerarios que se propoñen neste Onde mercan os Larpeiros a diplomatura está asegurada.
Tomás Alonso
(Vigo, 1968) é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Doutorando en Relacións Internacionais pola UNED cun traballo de investigación sobre o papel dos medios de comunicación na transición chilena. Traballou como redactor e locutor nos Servizos Informativos da Radio Galega e pertenceu á redacción de deportes da Televisión de Galicia, onde presentou e dirixiu programas como ‘En xogo’ e ‘A xornada’. Na produtora Faro dirixiu o matinal ‘Centro de Saúde’ e presentou o concurso ‘Queres ser o mellor?’. Colaborador de La Voz de Galicia, La Sexta…, na actualidade traballa no programa da Televisión de Galicia ‘Larpeiros’.
Víctor López Arjona
(Vigo, 1970) é licenciado en Xeografía, Arte e Historia de Galicia pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa carreira xornalística en Radio Cadena Española, e de alí pasou a Radio Nacional, onde combinou as súas tarefas con Televisión Española. Durante sete anos foi redactor da Televisión de Galicia e desde febreiro de 2000 é xornalista na delegación en Vigo de La Voz de Galicia. Ademais disto foi correspondente da Axencia EFE en Vigo e colaborou en xornais de Galicia, como Diario 16 ou El Ideal Gallego; en radio, en Onda Cero, e en televisión en Digital Plus e La Sexta.