Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

MURGUÍA 43-44

por VV.AA.
€13,00
ISBN 4601032022000

Revista galega de historia. 

O complexo contexto que vivimos, por mor da pandemia provocada pola COVID-19, ten implicado mudanzas nos hábitos sociais en todos os planos, empregándose como nunca -e a escala global- as ferramentas telemáticas (non sabemos até que punto esas mudanzas serán estruturais).
Nos peores meses da pandemia, sen dúbida algunha, as novas tecnoloxías contribuíron a que as persoas puideran (puidéramos) salvar a
distancia física imperante diante do confinamento (entre o 15 de marzo de 2020 e o 21 de xuño de 2020), así como nos meses seguintes nos que houbo que seguir mantendo todas as precaucións posíbeis para evitar contaxios por coronavirus. Ora ben, cando a edición deste novo número de Murguía, Revista Galega de Historia se está a pechar, volvemos afortunadamente a recuperar (aínda que moi timidamente) certa dinámica prepandémica e a (necesaria) presencialidade volve a se retomar.

Aledámonos de poder acompañar novamente desde Murguía, Revista Galega de Historia ás nosas lectoras e lectores, dando lugar a este volume duplo, mantendo firme a nosa vontade de seguir a ser unha publicación física (aínda que con presenza na rede de redes), que se pode recibir na casa -mediante subscrición-, mercar nas librarías, ou ler nas bibliotecas; realidade insubstituíbel polo formato virtual.

Abrimos a sección “Fontes” do presente número de Murguía, Revista Galega de Historia cunha achega asinada polo profesor Carlos Dias Diegues, investigador da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, arredor da persecución e represión padecida, diante do golpe militar de xullo de 1936, pola mestra Teresa López González en Bueu no outono de 1936. A seguir a investigadora Lupe Martínez, integrante igualmente da devandita Cátedra de Memoria Histórica e autora de diversos estudos sobre a historia da guerrilla antifascista galega, presenta un traballo no que aborda o Consello de Guerra ao guerrilleiro Benigno Andrade García, “Foucellas”.

Abren a sección “A Investigación” os arqueólogos Víctor José Barbeito Pose e Julián Bustelo Abuín, coa segunda parte das propostas para unha mellora do sector arqueolóxico galego, contributo que iniciaron no pasado número da revista Murguía. A historiadora da Arte Iria-Friné Rivera Vázquez presenta un traballo sobre Camilo Díaz Baliño, Vicente Risco e Ramón Cabanillas e o simbolismo do Graal. O investigador Lucas Sánchez Taboada amosa a continuación o interese do asentamento e desenvolvemento da Orde do Hospital en Beade (Ourense), para abordar Antón Xosé Meilán García, profesor da Universidad de Oviedo, a toma e resistencia de dona Constanza de Castro e Fernán Ares, despois da execución do Mariscal Pardo de Cela, no asedio á fortaleza de Vilaxoán a finais de 1483.

Conversamos na sección “A Entrevista” con Ana Martínez Arenaz, historiadora e responsábel do Museo do Castelo de San Antón, ubicado na Coruña, para na sección “Lembranzas” traer ao presente a figura de José Fontenla Leal (1864-1919), da man do historiador Prudencio Viveiro Mogo. E visitamos o Museo Marítimo Massó, sito en Bueu, na sección “Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares”. Presentamos na sección “Lecturas” da man de Gustavo Hervella e Carlos Dias as obras La nación omnipresente. Procesos de nacionalización en la España contemporáneaLa base material de la nación. El concepto de nación en Marx y EngelsO país do porvir e Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor. Pechando as páxinas deste volume de Murguía, Revista Galega de Historia coa sección “A Rede” e tres webs de enorme interese centradas na toponimia e a onomástica galega.

Temos que lamentar o pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia Galega entre decembro de 2001 e xaneiro de 2010; así como de José Paz Rodríguez, pedagogo e profesor titular da Universidade de Vigo; de Francisco Pillado Maior, escritor, dramaturgo e editor; e do historiador Carlos Parrado, especialista na historia da guerrilla galega, cos que mantivemos relación directa en distintas etapas.
Moi especialmente lamentamos o pasamento de Darío Xohán Cabana. Excelente escritor e membro da Real Academia Galega, foi un dos principais apoios para a creación dúas décadas atrás de Murguía, Revista Galega de Historia. Sempre na memoria.

Editortial: Instituto Galego de Historia 2022

Idioma: Galego

 

____

Editorial: Instituto galego historia
Idioma: Gallego