De vocación temperá, Berta Cáccamo (Vigo, 1963) creceu nun universo ligado á creación. Considerada como unha das pintoras españolas máis importantes da súa xeración, foi quen de destilar influencias afastadas no tempo, sempre disposta ao debate coa súa obra, cos problemas da arte e coas súas imaxes. Esixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha mirada inquieta, emocional e afectiva. Por iso é polo que o título da exposición fala de expansión, porque a súa obra é asemade un proxecto vital, e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscribe na memoria como material fundamental.