A industria da información ten en Internet o aliado perfecto contra o que nun pasado recente facía dos medios de comunicación un contrapoder ao servizo da verdade. E da democracia. Os xigantes tecnolóxicos que dominan o espazo da información pública, como é o caso de Google, Facebook, Amazon ou Twitter, fan circular ininterrompidamente información como se dunha simple mercadoría se tratase. Sen que os poderes institucionais e políticos fixeran nada por regular esa nova orde global sostida polos contravalores da desinformación e a mentira. En medio dese tsunami, os medios tradicionais e o xornalismo son ao tempo vítimas -desactivan a súa función política de intermediarios- e cómplices -réndense ao sensacionalismo e deixan de preocuparse por interpretar o mundo.
O autor deste libro seguiu con mirada crítica ese proceso de progresiva degradación do noso máis próximo sistema de comunicación, e articulou un trazado de causas, efectos e responsabilidades que teñen no acontecer político, social e cultural dos últimos 33 anos a súa bagaxe contextual.
“O autor, no seu novo libro, establece de modo definitivo, cun catálogo abafador de feitos, datos e exemplos, a proba por ADN de que a relación dos medios e os políticos é tóxica”.
Ignacio Ramonet
“A farturenta manchea de textos recollidos neste volume son a testemuña viva e a irrebatíbel proba da insubornábel afouteza e diáfana visión de Luís Álvarez Pousa no exercicio do labor dun xornalista auténtico na sociedade na que lle cadrou vivir: o do xornalismo de combate democrático”.
Xosé Manuel Beiras
O veterano xornalista Luís Álvarez Pousa vén de sacar do prelo Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023, o seu último libro, publicado pola editorial Laiovento, no que fai un seguemento dos últimos 33 anos do ecosistema mediático galego, estatal e internacional, así como de como se desenvolven as estratexias de desinformación e manipulación mediática nunha sociedade democrática.
Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023 serve de continuación ao ensaio Prensa ameazada. Desde a transición ó fraguismo e segue con mirada crítica o proceso de progresiva degradación do noso sistema de comunicación máis próximo nas últimas tres décadas, nas que ten un especial protagonismo a irrupción de Internet e a sobreabundancia de información que a converte nunha simple mercadoría. Sen unha vontade institucional ou política por regular esa nova orde global, os medios tradicionais e o xornalismo son a un tempo vítimas e cómplices da desinformación e da mentira. Polas páxinas deste volume aparecen entre outros a CRTVG, a guerra de Irak, Nunca Máis, o Egunkaria, a repartición da TDT, José Couso,Wikileaks, Charlie Hebdo ou Donald Trump, así como por suposto o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a súa defensa do dereito á liberdade de información.
CPXG (Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia).
O AUTOR
Luís Álvarez Pousa (Viladerrei, 1948). Licenciado en Xornalismo e doutor en Historia Contemporánea. Ocupou durante 23 anos diversos cargos no grupo Voz. Profesor de Xornalismo Especializado na USC. Autor, coautor e editor dunha vintena de libros, entre eles Prensa ameazada. Desde a Transición ó fraguismo, A identidade fronte á rede (premio da Crítica), ou Claves para unha información non sexista. Creou e dirixiu nos 70 as Xornadas do Cine en Ourense. Entre 1983 e 1985 foi Director Xeral de Cultura, creando o CDG e o Arquivo da Imaxe. Dirixiu e presentou na TVG e RG o debate Encontros. Coordinou o primeiro suplemento cultural de LVG, e foi columnista político nese diario e nos do grupo La Capital. Tertuliano nos medios públicos de Euskadi e Galicia. Cofundador das revistas Teima e Tempos Novos, que dirixe desde 1997.
____
Editorial: Laiovento 05-2023Idioma: Galego