Pretende o autor con este título achegar a poesía aos nenos e adolescentes, desmitificar a idea de que o xénero ten que ver sempre coa ñoñería, cos diminutivos e coa rima fácil. García Montero trata de sementar a idea de que a poesía é unha bonita forma de observar o mundo, descubrilo, e descubrirnos nel. Para iso, propón unhas leccións prácticas e divertidas, acompañadas dunhas bonitas ilustracións de Juan Vida.
Este libro é, sinxelamente marabilloso; unha proposta en grao sumo amena e didáctica para nenos e novos, onde o autor ensina e convida a mirar máis aló das cousas, porque, como di el mesmo, a poesía está ás veces no espello do cuarto de baño, na rúa que se ve desde a xanela ou nas historias que nos contan algúns amigos, e por iso hai que aprender a mirar. Un título imprescindible para ensinar que, cunha sinxela combinación de palabras, pódese transmitir grandes emocións. Unha forma moi acertada de facer que os mozos perdan ese “respecto” que teñen á poesía.
“(…)Non imos empezar este libro facendo o parvo. Esa é a primeira cousa que debemos ter clara: nós non somos parvos. Cando se pensa nun libro infantil sobre a poesía, todo o mundo espera que empezo a pasar pola nosa imaxinación un desfile de animais, o gatito, o cachorro, o osito, moitos animais rimando en diminutivo. Parece coma se os nenos poetas tivesen que estar sempre entre os animais dunha granxa, ou dun zoológico, ou pensando no can do veciño.
Un poema! Hai que facer un poema! E xa está, parecemos condenados a imaxinar a historia dun caballito que viu a un patito voar moi alto por encima da granjita para avisar a unha ovejita de que baixara do monte un lobito con moito apetito(…)”
____
Editorial: MeduliaIdioma: Galego