Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

GALIZA 1968. A CONSCIENCIA AVIVADA

por VV.AA
€15,00
ISBN WP10931
Unha viaxe pola Galiza que espertaba na noite franquista, recuperando a memoria da rebeldía dunha xeración. A reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun vizoso movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa, as protestas dos universitarios composteláns ou a aparición de Voces Ceibes son algúns dos temas dos que se ocupa o volume.

A publicación editada por Sermos Galiza recolle unha serie de traballos dalgúns dos protagonistas directos daqueles feitos, entre os que se acha Xesús Sanxuás, na altura responsábel da organización universitaria da UPG en Santiago de Compostela e que xogaría un papel destacado nas mobilizacións dos estudantes galegos contra o franquismo en marzo de 1968. Sanxuás, que será procesado e impedido de matricularse na universidade a raíz deses feitos, sinala no seu traballo as dificultades da alternativa nacionalista naquel contexto político pero tamén a entrega e xenerosidade dunha xeración que o arriscou todo na oposición á ditadura. A participación de Sanxuás sería importante na conformación da alternativa nacionalista nas terras de Trasancos nos anos finais da década dos sesenta. Coincidindo cos traballos de axitación previos a convocatoria do Dia da Patria Galega de 1968, o primeiro na súa forma e denominación actual, contactaría con Francisco Rodríguez, entón un novo profesor dun centro de ensino de Narón que xogará un activo papel na loita antifranquista dos estudantes da universidade madrileña. Ao fin, a propaganda desa data, agachada un tempo na casa dos pais de Rodríguez, sería repartida por este e un grupo de amigos na comarca de Trasancos, o que significa a primeira actuación do nacionalismo desta zona após o golpe de estado franquista de 1936.

____

Editorial: Sermos Galiza
Idioma: Gallego