Lonxe de acalmar, a borrasca recruaba. Os pensamentos de Robin tornáronse lúgubres. Creu que chegara a súa hora. Era un home novo e forte, mais levaba andadas doce millas e non comera en todo o día. As forzas comezaban a fraquear. Estivo tentado de alixeirar peso no camiño: a lordenta bulsa en que gardaba as insignificantes lilainas con que comerciaba. Mais abandonar todo o seu patrimonio equivalía a varios días de fame. De improviso, a luz dun raio, seguido dun estrondo valente, alumeou o que semellaba un conxunto de casiñas. O corazón deulle unha reviravolta. Aferrouse á vida con todas as forzas de que era capaz. Coa incerteza de se se trataba dunha especie de miraxe, agardou a chegada doutro lóstrego. As súas esperanzas confirmáronse.
____
Editorial: Medulia 11-2023Idioma: Galego