Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

UNHA HISTORIA DA ARTE GALEGA

€44,95
ISBN 9788484876175

Desde as mámoas e os petróglifos até as tendencias estéticas das últimas décadas, o obxecto deste libro é realizar un achegamento á imaxe artística galega, un anaco da tradición cultural europea producida nun país que posúe unha singularidade histórica marcada. Na arte galega foron proxectándose ao longo da historia as grandes correntes artísticas da Europa Occidental, con variábeis ritmos de incorporación e en sintonía con diferentes procesos históricos, e neles maniféstanse as peculiaridades, as diferenzas locais, as discontinuidades e os achados laterais a respecto dos períodos unificados da historia da arte. Alén diso, desde o século XIX, asistiremos ao intento de definir unha arte nacional, con diferentes denominacións segundo o momento histórico (rexionalismo, nacionalismo), nun contexto onde artistas e pensadores propiciarán coas súas reflexións unha lectura do pasado e presente artístico galego.

Pártese de que, como toda actividade humana, a arte non pode nin debe ser inmutábel, estática, pois nela conviven aspectos tradicionais con influencias externas, vivificadoras.

Neste sentido, pensar a tradición artística desde nós é pensar na lectura intencional do pasado máis tamén na lectura presente desde a posición actual da nosa nación e tamén desde a pura visualidade, o que implica distintas posíbeis lecturas das imaxes mais non incompatíbeis. Entendemos a arte galega, pois, como espello dunha realidade histórica complexa, que dialoga connosco e maniféstase como unha interpelación que, desde moi lonxe, se dirixe ao espectador de calquera tempo, e que este pode albiscar nese instante sorprendido que implica a percepción dunha boa obra de arte como quen enxerga algo de nós mesmos.

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.

Entre os seus libros destacan Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega, en colaboración con X. R. Mariño Ferro (2004); Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020).

No ámbito dos estudos literarios publicou traballos sobre Manuel Antonio, Vicente Risco, Lorenzo Varela, X. Mª Álvarez Blázquez e Ramón Cabanillas. Das súas publicacións en catálogos e comisariados destacan Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano; De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra; Seoane. Razón e compromiso; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950; Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos e Foi un home. Laxeiro en América.

Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.


____

Editorial: Laiovento 03-2023

Idioma: Galego