UN RUÍDO PROVOCADO (R). VOCES ARREDOR DE LUÍSA VILLALTA
Esta obra reúne 12 voces arredor da vida, mais, sobre todo, da obra de Luísa Villalta. Todas buscan provocar un ruído: facer pensar arredor da poeta, da narradora, da ensaísta, da dramaturga, da profesora, en definitiva, da muller que Villalta foi. Estas páxinas abalan entre a lembranza, o estudo rigoroso, a contextualización da súa produción, a reivindicación dos seus compromisos, o agarimo das amigas, a posta en valor do seu culturalismo e a visibilización do pouso que deixou en diferentes ámbitos.
Nelas, a lectora e o lector atento poderán descubrir por si mesmos as arestas dunha autora que non renunciou a ningún xénero literario nin a comprometerse coa sociedade que lle tocou vivir. Marta Dacosta, Francisco Fernández Naval, Alexandrina Fernández Otero, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Rosalía Fernández Rial, Maribel Longueira, Antía Otero, Roberto Pascual, Montse Pena Presas, Ana Pillado, Susana Sanches Arins e Cesáreo Sánchez Iglesias achégannos a unha das poucas creadoras galegas que, á vez que se introduciu no ámbito da ficción, reflexionou sobre ela. Escoitemos, porque todos os ruídos resultan ser provocadores
___
Editorial: Laiovento 04-2024Idioma: Galego