UN ANO NO CARBALLAL. DENDE A VIDA TRADICIONAL AOS NOVOS TEMPOS NO COUREL
Un ano no Carballal. Dende a vida tradicional aos novos tempos no Courel, o novo libro de Sonia Mª García García, artículase a partir dun importante traballo de campo realizado pola autora durante varios anos no Courel.
Grazas aos testemuños incluídos, de enorme valor documental, o libro ofrece unha visión viva desta comarca luguesa. É o pobo o que fala, o que conta a súa historia axudando a entender a propia realidade, o seu inmenso patrimonio, permitíndonos afondar no medio natural, na vida tradicional, na etnografía, na antropoloxía, na toponimia, no uso local da língua, na música…
Sendo inabarcable estudar cada aldea, pero tendo todas unha cultura común, elexíuse unha delas para que servise de exemplo. Ese lugar chámase O Carballal. Un lugar puro e pouco contaminado polas visitas de xente allea. A través desta aldea courelá, conséguese chegar dende o particular ao global a través dun método inductivo, conseguindo plasmar unha visión que abarca O Courel enteiro e mesmo boa parte das tradicións, dos traballos e da forma de vida da Galicia interior.
Lendo as súas páxinas, aos foráneos seralles sinxelo facer un exercicio de empatía para meterse nos corpos e nas mentes da xente do Courel de hoxe e de onte, o que lles axudará a entender a comarca, a vida tradicional, as necesidades e as potencialidades de futuro. Para os que o viven, o viviron ou llelo contaron os seus antergos, resultaralles especialmente significativo e mesmo emotivo. E para os investigadores do medio, da etnografía, da antropoloxía e da fala, un instrumento moi válido de estudo. E así, xuntos, os da casa e os achegados, facendo sempre gala da hospitalidade que existe nestas terras, disfrutaremos do Courel.
____
Editorial: CanelaIdioma: Galego