Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

TEMPO DE PEDRA

€18,00
ISBN 9788460843481
Tempo de pedra é unha novela escrita por un psiquiatra. Comeza cun feito real, o descubrimento dunha lápida no cemiterio de Conxo cunha misteriosa inscrición en alemán e viaxa rumbo á reconstrución da vida do finado. Transita por un presente de ficción onde doentes e médicos son tan só personaxes dun libro. E retorna dende o silencio da pedra para amosar que os secretos dunha historia soterrada hai un século poden mudar a vida de quen o descobre. Este é o relato de quen, na procura, sempre atopa voces e verbas dignas de ser escoitadas.  

Nos hospitais psiquiátricos a luz semella mudar, con insistencia, ao gris. Son lugares que foxen das estacións, burbullas dun tempo detido onde as miradas e os corpos ancoran, sen desexo, á terra firme. Gris é tamén o laranxa plástico das paredes ou dos corredores cos seus fósiles de cinza. No fondo o gris é puro silencio, sempre palpable aínda para os visitantes ocasionais que cruzan os muros erguidos entre a institución e o mundo. Sen embargo, cada certo tempo aparece unha historia que, de súpeto, bota a camiñar. E, con ela, un personaxe que trae movemento a este mundo petrificado. Pode amosar a aparencia dun rebelde, un comediante, un gaioleiro, un xenio que desbota o diagnóstico e insiste en ser recoñecido polo seu nome. Neses intres onde historia e personaxe coinciden, mesmo o ínfimo da vida, o cotián e a rutina, énchense de sentido.

____

Editorial: Libros Canela
Idioma: Gallego