Ir ao contido
Benvidos á nova web de Librería Abrente!
¡Bajamos los gastos de envío a 2,95€! 📦

SON GALEGO, SON CUBANO

€25,00
ISBN WP4650
Libro+ CD con 12 cancións interpretados por Roi Casal. Se cadra, Pepe era un poeta e case nin nos decatamos. Se cadra, toda a súa vida, dende aquel lonxano 1960 no que publicou en Bos Aires o poemario Inquedo latexar, Pepe non fixo máis ca pescudar nas palabras, na procura da célula nai da literatura: a poesía, cerne e alma.  Por Dolores Vilavedra  

O xoven e talentoso músico galego Roi Casal (arpista, compositor, cantante e director) foi premiado en 2014 na Habana co premio internacional Cubadisco. Alí ofreceu un memorable concerto no Palacio Nacional de Bellas Artes. Vencellouse ó mundo galego-cubano, e tomou contacto con institucións culturais e con personalidades da cultura. Camiñou, conversou, observou e quedou namorado da capital habaneira e do xeito de ser daquel pobo, alegre, cordial, solidario. Mantivo contactos moi frutíferos con músicos cubanos e en Cuba presenta un concerto coa estrea destes CANTOS GALEGO-CUBANOS. Cadra que eu son o autor das letras, e coñezo ben ese vínculo entre os dous pobos, porque residín 31 anos nesa Illa entrañable. Amo a Cuba e foi para min honroso e pracenteiro escribir estes textos para Roi Casal. O vencello íntimo, profundo entre Galicia e Cuba ten case dous séculos. Galicia apenas participou na conquista e colonización dos primeiros tempos. Destaca logo o histórico bojeo do tudense Sebastián de Ocampo, en 1509 e a presenza activa, en torno ó século XVIII, do prelado Evelino de Compostela, o xornalista Araújo de Lira, os xuriconsultos Pasarón e Vázquez Queipo. Son excepcións. A nosa emigración masiva comeza na metade do século XIX e dura ata 1930, pouco máis ou menos, coincidinco coa crisis mundial e o derrocamento do tirano Machado. Os galegos participaron nos traballos máis diversos, no campo e na cidade. Algúns serían notables escritores, artistas, científicos, outros fundaron bancos, empresas; tamén os houbo que loitaron pola independencia de Cuba e tomaron parte nas loitas sociais. Dende Cuba financiáronse 200 escolas e outras obras, e en Cuba naceu a Academia Galega, e símbolos hoxe vixentes como a nosa bandeira e o noso Himno, ambos centenarios. A Cuba arribaron moitos músicos galegos. Os que integraron orquestras populares, grupos de cámara e sinfónicos. No século XIX o laureado Xosé Castro, Chané, director do orfeón Ecos de Galicia; Felisindo Rego, autor da zarzuela Non máis emigración, con texto de Ramón Armada; Ricardo Fortes, que musicou poemas de Curros Enríquez; o profesor Joaquín Zon. Ademais destacaron a coral Saudade, solistas de zanfona, rondallas de laúd e guitarra, e por suposto conxuntos de gaiteiros. E a pianista e compositora coruñesa María Muñoz, que fundou a Sociedade Coral da Habana, o Conservatorio Bach e os grupos Cantorías, en todo o país (estudantes que cantan cancións populares), e fundou a importante revista Musicalia. Estes son só uns datos mínimos sobre músicos galegos en Cuba.Este achegamento entre os pobos irmáns de Galicia e de Cuba fortalécense aínda máis coa música e as cancións de Roi Casal. Xosé Neira Vilas Por Dolores Vilavedra Se cadra, Pepe era un poeta e case nin nos decatamos. Se cadra, toda a súa vida, dende aquel lonxano 1960 no que publicou en Bos Aires o poemario Inquedo latexar, Pepe non fixo máis ca pescudar nas palabras, na procura da célula nai da literatura: a poesía, cerne e alma. E para el, voz do pobo, o poeta era o cantor: música e palabra vencelladas en alianza indisoluble. Medrou arrolado polos sons do seu abó Santiago quen, ademais de labrego e zoqueiro, era clarinetista, e que lle ensinou solfexo coma quen ensina a xogar coas notas, mais tamén escolleu como pobo de adopción posiblemente aquel que, no seu adn leva codificado un pentagrama. Se a poesía é música, e se Cuba é música, entón ¿como non ía Neira Vilas atopar alí inspiración, sons e palabras que se converten en poemas que son cancións? Se cadra, ese e non outro foi o segredo da amizade entre Pepe e Roi: a misteriosa sintonía dos que se recoñecen como membros da irmandade da arte. Sexa polos camiños da palabra, sexa polos dos son, ambos atópanse nesa encrucillada que é a canción. Ou sexa, o poema. Porque non esquezamos que, no seu sentido orixinario, o termo canción ou cántiga referíase a toda composición poética que se puidese cantar. Así, levados nas ás da música, é como Pepe e Roi, Roi e Pepe, emprenden a súa particular viaxe ás orixes da arte poética, da arte musical. Se cadra, é por iso que nestes poemas ecoan alalás, muiñeiras e foliadas, mais tamén boleros, congas e guarachas. Levados pola lixeireza do verso de arte menor, e pola da rima asoante, as cancións de Roi -os poemas de Pepe- erguen unha ponte dunha a outra banda do atlántico pola que transitan pescadores do Golfo de México e galegos mambises, amores e apertas, saudades e anceios, topónimos exóticos e outros que recoñecemos como propios. Punto de encontro xeracional entre dous artistas, este feixe de cancións son a despedida dun escritor que, esporadica mais constantemente, non deixou ao longo da súa vida de visitar ese territorio virxe da poesía, onde a verdadeira literatura atopa a auténtica medida de si mesma. No limiar á súa Poesía recadada (1994), Neira Vilas confesaba que lle debía o seu achegamento infantil á poesia a súa avoa Maripepa, que lle “recitaba e cantaba vellos romances”; para o Pepe neno, facer versos era un xogo, e xa na adolescencia deulle por “axeitar novas letras a cancións de moda, sobre todo corridos mexicanos e boleros”. Se a vellez é, como algúns din, un regreso á infancia, da man de Roi voltaría o noso Pepe, xa no intre de porlle o ramo á súa andaina vital, a xogar aquel “xogo engaiolante das palabras”, tal e como el definiu, coa sinxeleza e a falta de pretenciosidade que o caracterizaban, o oficio de poeta. UNIVERSO NEIRA VILAS POR ROI CASAL Coñecín a Pepe, como lle chamabamos en confianza a Don Xosé Neira Vilas, en abril de 2014. Faltaban poucos dias para a miña partida cara unha xira por Latinoamérica. Un amigo común sabía que a nosa axenda de concertos incluía a Uruguai, Arxentina ou Cuba e por iso insisteu en que antes de partir debía facerlle unha visita. Eu estaba a punto de recorrer en 15 días o que para Pepe fóra a viaxe dunha vida e que á postre se convertiría nunha das máis fermosas epopeas da historia recente do noso país, Galicia. Recibeume na súa casa de Grés, parroquia no corazón mesmo da Galicia que o viu nacer e tamén emigrar con 20 anos cara un futuro incerto á outra beira do Atlántico e que contemplou tamén o seu regreso con Anisia Miranda, 40 años máis tarde, convertido xa nunha nunha lenda. Lembro perfectamente ese dia. Aos poucos minutos de establecer conversación, puiden percibir a súa tenrura y sinxeleza, acompañados dunha sabiduría macerada ao longo dos anos que facían daquela conversación o comenzo dun dos mellores agasallos que a vida me teña posto ante min. Sempre agradecerei a Xoán Domato, ese amigo común ao que me refería ao comezo, que nos puxese en contacto. Creo que dende aquel mesmo momento me sentín parte do Universo Neira Vilas. Un universo que atrapaba a quen se achegaba a el. Os que vivíchedes esta experiencia sabedes ao que me refiero. Pepe comentoume nalgunha ocasión que non cría nas coincidencias. Que el e Anisia tiñan a intuición de que cada un de nós estamos representados por un átomo no universo, e que cando estos átomos se rozan, os seus representados na terra se xuntan dalgún xeito. Era a teoría de cómo eles se coñeceran en Buenos Aires a pesar de que un nacera nunha pequena aldea de Galicia e o outro en Cuba. Ao comezo non entendín moi ben esta lei da física cuántica de Pepe, pero co paso do tempo decateime de que esta teoría é plenamente válida para os que formamos parte do Universo Neira Vilas. Non puido ser casualdade que o meu concerto en Buenos Aires fose no Teatro Avenida, onde Pepe e outros mozos galegos boicotearan, 60 anos atrás, unha función teatral na que se ridiculizaba a figura dos galegos. Non podía ser casualidade que na Habana, durante unha rolda de prensa previa ao noso concerto de 2014, a prestixiosa produtora artística cubana Cary Diez (ahora xa amiga da alma) me propuxera levar a cabo un proxecto que, dalguha maneira, puxera en valor a histórica relación entre Galicia e Cuba. Como tampoco foi casualidade que á volta desa xira Pepe me chamara para decirme que ía escribir todas as letras do disco que tes agora mesmo nas mans. El sabía que os nosos átomos se atoparan. E por iso, no verán de 2015, envioume letras que falaban do Caballero de París (personaxe mítico da Habana que emigrara dunha aldea de Lugo) ou de Francisco Villamil (un galego mambís que loitou pola independencia de Cuba e rematou sendo xeneral), sobre os pescadores galegos do golfo, da irmandade entre os nosos pobos, da súa chegada á Habana e, como non, do seu amor cubano. Podría destacar innumerabeis virtudes de Pepe, como a súa querencia por Cuba e Galicia, a súa paixón polos nenos, a súa elegancia, vasta cultura, a súa prodixiosa memoria, o espírito de traballo e sacrificio, a súa constancia, o metódico e ordenado que era…Pero quédome con que en todo o tempo que estiven con el, durante as longas conversas que mantivemos, nunca mirou ao pasado para falar mal de alguen ou laiarse por algo do que a vida lle deparara. Era un dos grandes. Para min o máis grande que coñecín xamáis. Estou convencido de que o Universo Neira Vilas continúa en expansión a través da súa obra, atrapando átomos de persoas que el ni sequera coñeceu en vida. E esos átomos seguramente se rozaron nalgún intre para que as cancións deste traballo, escritas por el mesmo fai só uns meses, sexan hoxe o noso precioso punto de encontro.   Benvido ao Universo Neira Vilas.    

____