Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

O TRAXE TRADICIONAL GALEGO

€18,00
ISBN WP1036
O traxe tradicional confórmase a finais do século XVIII por parte das clases populares, fronte á aristocracia e burguesía que seguían as pautas sinaladas polas modas estranxeiras.  

O traxe tradicional confórmase a finais do século XVIII por parte das clases populares, fronte á aristocracia e burguesía que seguían as pautas sinaladas polas modas estranxeiras. O seu desenvolvemento coincide coa Revolución Francesa, unhas das épocas máis convulsas da historia da humanidade, ao tempo que tamén se empeza a consolidar outra roupa por parte das clases dominantes, a moderna, antecesora inmediata da actual, de carácter igualitario e global. Esta evolución non foi exclusiva de Galicia, senón da maioría das rexións peninsulares e europeas, adoptando deste xeito unha vestimenta diferenciada fronte á unificación cada vez máis intensa propiciada polas modas e a industria téxtil. En xeral, trátase dunha indumentaria con características de seu, confeccionada polas mulleres da casa, e as costureiras e os xastres locais, utilizando basicamente tecidos e elementos ornamentais autóctonos, ata que coa mellora das comunicacións empezaron a chegar de fóra, en casos de moi lonxe. Ao longo do século XIX a convivencia entre esta roupa e a considerada moderna, convértese nunha calada loita de clases, da que saíu triunfante a segunda, pasando por unha etapa «de transición» en que se mesturan elementos de ambas, sendo os máis representativos o pantalón e o chapeu, fronte aos tradicionais calzón e monteira. A súa decadencia comeza a manifestarse dende mediados do século XIX, sendo xa crítica nas últimas décadas, en que se empeza a usar como folclórica, principalmente por parte de agrupacións musicais. Os románticos foron os primeiros e fixarse na importancia do traxe popular, un dos piares da nosa idiosincrasia, xunto coa lingua, a música, a arquitectura e as tradicións. Clodio González Pérez (Cenlle-Ourense, 1947), etnógrafo e historiador. Premio nacional de prensa «Artes y tradiciones populares» do Ministerio de Cultura (1983, 1984, 1985 e 1986), polos artigos publicados no suplemento «La Voz de la Escuela» do xornal La Voz de Galicia; de investigación da Deputación de Pontevedra en 1987 e 1992, polos libros A festa dos maios en Galicia. Unha aproximación histórica-antropolóxica ó Ciclo de Maio, e A produción tradicional do ferro en Galicia. As grandes ferrerías da provincia de Lugo; «Curuxa de honra» do Museo do Humor de Fene, 1999, polas publicacións sobre o humor gráfico galego; de Investigación Etnográfica da Deputación de Ourense, 2008, por As varandas de ferro dos corredores e balcóns do Ribeiro (en colaboración con X. R. Marín Martínez); «Lois Peña Novo», 2012, pola súa labor de investigación e divulgación do patrimonio material e inmaterial de Galicia, etc. Colaborador en prensa (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, O Correo Galego, Galicia Hoxe...), autor de varios libros e traballos de investigación etnográfica e histórica: Castelao: caricaturas e autocaricaturas (1986), O refraneiro do mar (1988), Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense: Notas históricas e situación presente(1991), As festas cíclicas do ano (1992), A coca e o mito do dragón (1993), Arquitectura e tecnoloxía populares no val de Ancares (León) (1997), Antonio Fraguas (1998), Os cruceiros (2003), O Ribeiro: terra, auga e viño (2003), La iglesia y el cementerio de Santa María a Nova de Noia (fotografías de Suso Xogaina) (2003), Xosé María Álvarez Blázquez, 1915-1985 (2007), A pesca da lamprea no río Tambre. Historia, artes e gastronomía (con Manuel Ces Canle) (2010)... En particular sobre o traxe tradicional: Historia do traxe galego (2005), A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros (2008) e O traxe galego: de popular a folclórico (2010).

____