Como foi parar unha cámara ás mans de Maruja Roca no Becerreá de comezos dos 40? Non se sabe. Nin tampouco como esas mans aprenderon a moverse na escuridade dun cuarto da casa. Sabemos, sen embargo, dos seus ollos. Dos rostros e rastros que gardou quen foi, non só a única fotógrafa da vila e das poucas mulleres que exerceron o oficio na Galicia da posguerra, senón alguén que hoxe se nos revela como artista para a historia da fotografía. Ollos que aínda ondulan nas imaxes, tentándonos a tocar a superficie dun feitizo.
O feitizo de Maruja Roca é unha publicación con fotos dun tempo que xa non existe cun ollar artístico e persoal.
A publicación son 200 páxinas con retratos e escenas dunha Galicia dos anos 40 en branco e negro. O texto está en versión trilíngüe e é o terceiro volume da coleción Cámara Escura.
Maruja Roca revélase, por fin. A obra singular e cegadora desta fotógrafa nada no ano 1912 e que exerceu a profesión en Becerreá durante a posguerra xa está reunida nun libro, O feitizo de Maruja Roca.
A súa publicación culmina un proceso de investigación que tivo o seu punto de partida nunha reportaxe que a autora do texto Nieves Neira Roca publicou en El Progreso en marzo de 2019 e co que gañou o premio de xornalismo Johán Carballeira. Ao pouco tempo da súa publicación, Neira Roca empezou a traballar no libro de maneira conxunta xunto a Eutropio Rodríguez para reunir o patrimonio fotográfico dunha das poucas mulleres que se dedicaron á fotografía na posguerra en Galicia.
____
Editorial: aCentralfolque 11-2020Idioma: Galego, español, inglés