
O repertorio deste novo traballo é de 14 pezas representativas do feito musical galego, muiñeiras, xotas, canto de nadal, pezas de charanga, melodías de moda do primeiro cuarto de século etc. O Camiño do Carro é o cuarto traballo discográfico do grupo, antes publicaron Os Terribles de Arousa (1998) na colección Os Nosos Gaiteiros, No ramo de Herbón (2002) e No toldo de san Cibrán (2005). O título fai alusión a un carreiro que atravesa os viveiros de ameixa e berberecho do Carril, por suposto visible na baixamar.
____