Un fascinante paseo pola vida nunha viaxe que comeza en Islandia e continúa na mente do lector logo de rematado o relato.
Esta historia lévanos dende Reikiavik, onde dous galegos coinciden ao trocaren moeda nun banco, á cantina solitaria dunha estación da Galicia interior, na que se reúnen tres amigos para illarse da mediocridade e tentar fuxir dunha vida monótona e predecible. Lor, o protagonista da novela, é un galego que sendo mozo abandona a vila natal para dedicarse a percorrer o mundo. A noite da aurora cóntanos as razóns que o obrigan a escoller unha vida errática, de aventureiro, no canto de aceptar unha existencia doada e sen riscos. A potencia evocadora da prosa de Camilo Gonsar, o seu domino do diálogo e a perspicacia das súas intuicións compleméntanse cun marabilloso retrato dos personaxes no marco da capital de Islandia, cidade que se describe cunha sinxeleza plástica abraiante. Novela sobre o desarraigo, esta é a historia dunha amizade, dun amor apenas iniciado e dunha decisión: abandonar a propia patria. Reflexión xenial sobre o destino, esta obra é unha mostra excepcional de sabedoría narradora.
____
Editorial: GalaxiaIdioma: Gallego