Nocturnos, a máis recente entrega dramatúrxica de Manuel Lourenzo, constitúe unha tríada de pezas singulares pola súa ubicación a respecto do que chamamos "realidade". Non están evidentemente -para quen coñeza a obra do autor- na superficie dunha escena conformista, nin no argumental nin no formal. Xoana, raíña propietaria de Castilla, abraza un cadáver momificado, camiño dunha lapidación que dura catro décadas; a cripta dos Capuletos, que se anima coa infancia revivida dos que foran amantes unha noite, cando A lúa pon o ovo en Verona; os actores a ensaiar as secuencias dun filme na mesma mansión onde aconteceran os sucesos que narra Henry James no relato en que se inspira o quión orixinal, en Aquela historia de Bly...
Tres historias, tres dramas revestidos de ironía, como un veo de gasa que nunca pretende ocultar o horror, só matizalo.
_____
Editorial: Laiovento 2005
Idioma: Galego