Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

NO GRANDE AZUL

€9,90
ISBN 9788487882364
No grande azul é un traballo documental de corte “clásico” onde a forza das imaxes radica no tema, ampliada esta pola plástica e pola palabra, un ensaio subxectivo no que o espectador coñece as impresións do autor, creando un todo global.

PEQUENO MANIFESTO DE IDEAS

“Saín do catre no momento en que xa non aturei máis imaxinarte afastada. Descendín dun salto deixando as ondas derrubarse sobre os teus campos de dunas e fuxín da perigosa trampa das lembranzas. Abandoneite” .

Jacobo Barros*

Non creo nas distincións dentro da fotografía, só creo no seu bo uso, o demais son convencións sociais que se lle dan por distintas razóns. A máis sa delas úsase para definir as intencións e os modos dun traballo.

Por exemplo, eu defino que No grande azul é un traballo documental de corte “clásico” onde a forza das imaxes radica no tema, ampliada esta pola plástica e pola palabra, un ensaio subxectivo no que o espectador coñece as impresións do autor, creando un todo global.

A outra causa das distincións é puramente social e ás veces snob, “este traballo artístico vai para o museo e este é xornalístico e vai para o xornal…”, todo depende de como utilicemos a fotografía.

Vivimos tempos moi difíciles para a fotografía documental. A canle normal até hai uns anos, as revistas, está máis prostituída que nunca co poder económico e coa banalidade, os xornais rara vez se interesan por este tipo de traballos, moitos autores mudaron a súa linguaxe para chegaren máis facilmente ás galerías, e publicar un libro é un ben prezado que só consegue a elite, por iso me aleda tanto que un tema tan galego teña recoñecemento dende Galiza.

Non só sinto que se rompe o tópico de que os galegos non valoramos o da casa, senón que sinto que se está a valorar dende aquí unha linguaxe tan menosprezada na actualidade. Hoxe en día o autor está máis preocupado polo seu recoñecemento persoal e pola competición diaria que polo uso correcto da imaxe e iso axuda a que prospere o descoñecemento xeral no que vivimos.

O mesmo acontece coa vida da xente do mar. Todos temos unha idea abstracta do sufrimento e do perigo no que viven, pero case ninguén para a pensar, ao comermos peixe, na carga de emocións, sentimentos e traballo que hai detrás do noso prato. Primeiro porque case ninguén nolas achega e, segundo, porque estamos inmersos na nosa propia saturación de sentimentos diarios.

Jose Romay

*Os ausentes de Castelton. Ed. Sotelo Blanco


____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego