Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

NO FONDO DOS ESPELLOS 2015-2020

Esgotado
€15,00
ISBN 9788481588705


Entre xaneiro de 2015 e xuño de 2020, Xosé Luis Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo 261 textos xornalísticos acubillados na sección No Fondo dos Espellos. Estes escritos efémeros agora están dispoñibles para o público xeral nun libro editado pola Área de Normalización Lingüística e polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. Este volume constitúe un xeito de homenaxear ao escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo e de compilar todos estes contidos que publicou cada sábado durante eses cinco anos e medio no xornal vigués.

O libro, de case 500 páxinas, leva por título o nome da sección do Faro de Vigo, No Fondo dos Espellos, e comprende textos de contidos tan diversos como historia, ciencia, literatura, política, gastronomía ou a toponimia. Esta antoloxía, que xa está á venda, foi presentada este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución, nun acto que contou coa presenza do propio Méndez Ferrín, xunto con Rogelio Garrido, director de Faro de Vigo; José Montero, decano da FFT e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística.

Un libro que nace da necesidade
No acto de presentación, o director da ANL, Fernando Ramallo, explicou que este libro nace “dunha necesidade” xa que, aínda que esta non é primeira vez que se compilan textos xornalísticos de Ferrín, os que forman parte de No Fondo dos Espellos son “máis longos e profundos” ca outros publicados en seccións máis breves do xornal. Ademais, segundo Ramallo, esta compilación “contribúe á normalización e á promoción da lingua galega, porque a calidade lingüística é extraordinaria”.

O docente fixo fincapé nas “bastas temáticas” que aborda o libro, no que “nada galego queda fóra” ao tempo que achega “unha perspectiva galega, unha maneira de entender o mundo”. Con todo, e pesar da diversidade temática, para Ramallo no libro subxace un fondo “comunista, soberanista e republicano” e constitúe “un proxecto de emancipación humana que mobiliza todas as chaves dunha contrahexemonía”, un “espazo reflexivo de esperanza”. Por todo isto, o director da ANL define No Fondo dos Espellos como “un libro imprescindible, e máis agora”, cando os tres trazos que segundo Ramallo caracterizan os textos de Ferrín, “o rigor, a profundidade e a verdade, están cada vez máis ausentes nos medios de comunicación”.

Na súa intervención, o director da ANL tamén avanzou que ao longo deste ano se publicará un novo volume con todos os textos publicados por Ferrín entre 2007, cando botou a andar a sección, ata 2014, completando así a compilación de todos os texto de No Fondo dos Espellos.

Un esforzo por poñer en valor o saber de Ferrín
Rogelio Garrido, director do Faro de Vigo, agradeceu a Méndez Ferrín ter confiado durante anos en Faro de Vigo, onte atopou “un territorio de liberdade no que poder escribir o que lle petase, cando lle petase e contra quen lle petase”. Isto supón “un privilexio para o xornal e para os lectores”, que poden gozar de textos que establecen un “diálogo crítico que esixe intelixencia e capacidade”. Para Garrido o traballo de Ferrín caracterízase pola liberdade, o compromiso consigo mesmo e a coherencia, “textos, en ocasións, incómodos e a contracorrente” que “desmontan tópicos”, como engadía o profesor da FFT Anxo Angueira. “A Ferrín hai que lelo aínda que esteamos en contra, é unha referencia constante”, constaba Garrido.

Pola súa banda, o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, agradeceu o traballo realizado tanto pola Área de Normalización Lingüística como do Servizo de Publicacións da Universidade para sacar adiante este proxecto. Destacou que se trata dun libro moi “didáctico”, no que aprender de múltiples temas, dende literatura, con textos sobre Cervantes, Valle Inclán ou Xohana Torres, ata artigos sobre diferentes aspectos relativos á cidade de Vigo, “á de hoxe e a que foi”.

Un debate tan diverso como o propio libro
Tras a presentación do volume abriuse un debate co escritor, no que as persoas asistentes puideron establecer con Méndez Ferrín un diálogo directo sobre diversos temas, dende a literatura ata política ou filoloxía. Preguntado sobre o efecto que os seus textos xornalísticos publicados ao longo dos anos puideron ter para mudar a sociedade, Ferrín fixo referencia ao efecto bolboreta. Explicou que os seus artigos, por si sos carecen da forza necesaria para cambiar nada, pero “todo pende de todo” e ao seu entender, “este libro, xunto con outros libros, conectados con outras persoas e palabras, encadeados a outros procesos do mundo, forman parte dunha corrente comunista” que ten como obxectivo que o mundo cambie nunha dirección: “que a supremacía dunha clase non se prolongue indefinidamente”, algo que segundo Ferrín nunca sucedeu e, do mesmo xeito que “caeu Roma e caeu Bizancio, tamén caerá o capitalismo”.

_____

Editorial: Universidade de Vigo 04-2021
Idioma: Galego