Un día no que azouta a xistra, nun cavorco do Val de Arán, aparece o cadáver dun esquiador cun forte golpe na cabeza. Todo apunta a que se trata dun desafortunado accidente; no entanto, as pescudas policiais póñense en marcha e desencadean a revelación dunha chea de segredos longo tempo agochados: envexas e rivalidades soterradas, traizóns e algunha que outra vida paralela.
Alén da trama e do proceso pericial per se, un dos méritos da novela de Escala é o de ofrecer unha perspectiva infrecuente da fría paisaxe aranesa: a da neve que transcende o feito turístico para se converter no pano de fondo dunha investigación criminal.
Malia a aparente distancia entre o galego e o aranés occitano, cabe lembrar que, xacando (séculos XI a XIV), a manifestación lírica máis emblemática, a trobadoresca, se espallou por toda a Península, de tal forma que occitano, galego medieval, aragonés, francés antigo, navarro e castelán se entrecruzaban na súa expresión e difusión orais. Así, non parece desatinado entender esta tradución como unha ponte tendida entre ambos os sistemas culturais, desenvolvidos en senllas linguas románicas, pois é a primeira vez que se realiza unha tradución directa cara ao galego dun texto de ficción escrito no aranés moderno.
____
Editorial: Hugin e Munin
Idioma: Gallego