Candemaia xorde da necesidade de que as candeas e estrelas que lle dan nome acheguen luz a unhas vidas que un día nos amosaron a súa faciana máis negra.
Son libros traducidos e escritos por mulleres para que con historias de nenas, mozas e adultas, fiemos un tecido máis humano, máis respectuoso. Cada libro levará a achega dun home porque esta colección está feita a latexos igualitarios. De todos sacaremos algo, leremos sobre vidas, ficticias ou reais, e non nos deixarán indiferentes.
Mociñas de Louisa May Alcott (1832-1888) é o primeiro de moitos, para partir do que xa coñecemos, léndoo con ollos de adulto para sacar del valores que semellamos esquecer. Un libro do XIX onde nos ensinan a unidade da familia, o valor do esforzo, a sobrevivir á morte e a soidade, a loita constante ante as adversidades diarias que todos temos, a agardar e desesperar, a aceptar e a perder.
Cun espírito revolucionario, activista e formativo para a época na que foi escrita, en realidade trata sobre as dificultades que tiñan as mulleres (e aínda teñen) polo feito de medrar nunha cultura que premiaba o seu aspecto por enriba da súa esencia, defendeu os dereitos da muller, a abolición da escravitude, as reformas no sistema educativo coa escolarización das nenas.
Louisa May Alcott (1832-1881) foi unha novelista norteamericana criada por un pai moi involucrado na educación liberal e independente das súas fillas. Publicou Little Women en 1868 motivada pola necesidade de manter á súa familia. Con ela obtivo fama e o poder de ser independente economicamente. Seguíronlle outras obras como Little Men (1871).
Muller defensora da causa abolicionista e da educación das mulleres e dos seus dereitos, tamén publicou outras obras non tan coñecidas baixo o pseudónimo de M.A. Barnard, con temas ben distintos e que se encadran como suspense, góticas, non ao xeito vitoriano, con cuestións non tratadas coma o incesto ou o adulterio, das cales a máis importante e Detrás da máscara: o poder dunha muller.
____
Editorial: LaioventoIdioma: Galego