LECTURA ÍNTIMA
Aínda nos queda pretender unha lucidez implacábel. Ao vermos o pasado, na construción do presente. Dende a desolación da nosa condición humana, ollarmos a expensas do noso propio equilibrio. A lucidez de permitírmonos como creadores a visio ludere. Un neno ao xogar e imaxinar pode sentirse iso que a súa fantasía crea. Fóra do xuízo adulto cando sostén que todos andamos en paralelo, un neno soña atopar a princesa do seu conto. Aquí, unha breve historia que resulta nestas representacións de cadeiras baleiras, santos varóns e damas oníricas.
Unha nena flor-silvestre recitaba unha pregaria: dou os meus pétalos por ás… Un neno paxaro dende a súa gaiola soñaba: se tivese nacido flor… (¿E quen escoita os silenciosos rezos, esa acumulación de desexos sentenciados a calar?)
Como o lance ao destino dun solitario que envía mensaxes nunha botella. Fotografías da soidade agardando a que alguén as complete. A nena flor, esa ausencia, ese obxecto de saudade. O neno paxaro, esa queda dor de desexo de xogos prohibidos. O laio que precede a muller que aínda non nomeou co seu corpo. Anceio da experiencia erótica en termos místicos dos mártires, vehemencia de entrega total. Como o pintor cando representa o corpo amado para contemplalo e ostentalo sen límites humanos. Así estas imaxes velan antigas pregarias infantís, proceso dunha paradoxal procura de: A Ollada do Amor.
O xogo do amor. Chimpo de intimidade, precipitación a unha fenda profunda entre a verdade e a mentira. O retorno á incomprensión de nacer, a angustia de mantérmonos ergueitos, de soster a vida, de ser merecentes. Non se trata soamente de que xogan imaxes ou ideas, o obxectivo xira e desafía o risco de exporse.
Autorretratando noutros ata obter a faciana talismán que o desdebuxa ante o exceso da súa luz. Así, en poucas palabras a historia desta recompilación de olladas: Aconteceu que un día un retrato tirado para ser observado polo seu artista adquiriu vida. Como Galatea, que ao mirar con ollos propios puxo ao descuberto o íntimo desexo do seu escultor.
A ollada infinita na que un pode recoñecerse amado. A melodía desa mirada que nos lembra o son dun violín. O sentimento de vertixe ante a experiencia real innegábel que devén da súa imaxe.
Graciela De Oliveira
____
Editorial: CEFIdioma: Gallego