Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

JOACHIM SCHMID

€9,90
ISBN 9788487882218
Durante as dúas últimas décadas Schmid investigou sistematicamente as posibilidades da “fotografía atopada” cunha estraña combinación de rigor e humor.

Joachim Schmid é un ladrón e un mentireiro. Leva vinte anos collendo fotos doutra xente e usándoas para os seus propios propósitos. Chegou ata o punto de dicir que algunhas desas fotos son obras perdidas de fotógrafos famosos. ¿Como pode Schmid xustificar un engano tan escandaloso? Schmid non está só nesto. Xa dende que os surrealistas comezaron a mercar fotografías vellas nos mercados de París e a presentalas como produtos auténticos da mente inconsciente, a práctica da “foto atopada” ten perdurado nos límites da arte fotográfica. Moitos artistas e fotógrafos teñen utilizado no seu traballo fotografías roubadas, pero ningún de xeito tan profundo como Joachim Schmid. Durante as dúas últimas décadas Schmid investigou sistematicamente as posibilidades da “fotografía atopada” cunha estraña combinación de rigor e humor. Schmid pídenos que non fagamos máis fotos; que deixemos de anegar con máis imaxes un planeta que xa está a afogar de fotos. Por sorte nunca se lle fixo caso, e diferentes escolmas dun fluxo incesante de fotos producidas globalmente seguen a conformar a base dos fascinantes proxectos de Schmid. Un destes proxectos dura vinte anos. O título Fotos da rúapode traer á memoria o documentalismo das rúas, pero as fotos de Schmid son fotos das que alguén se desfixo que el leva recollido das beirarrúas de todo o mundo desde 1982. Rescatadas do esquecemento, catalogadas con meticulosidade, e colocadas no contexto dunha parede dunha galería, estas imaxes lévannos a unha observación curiosa. ¿Que fai o home sinistro desa Polaroid ao pór a súa man no ombreiro da súa muller de aspecto preocupado no baño? ¿Quen podería rachar violentamente e tirar unha instantánea dun neno que sorrí á cámara? Nunca sabemos as respostas a esas preguntas. As historias que hai detrás das fotos atopadas seguen a ser descoñecidas. De feito, é esa mesma ambigüidade a que lle dá ese atractivo permanente. En 1986 Schmid xa tiña xuntado unha enorme cantidade de material fotográfico, non xa atopado na rúa, senón buscado con interese en sitios como feiras e publicacións. Con este material (instantáneas, postais, fotos recortadas de revistas) Schmid comezou a montar paneis de fotografías similares. Estes convertéronse na serie Archiv. Estudiando unha enorme cantidade de instantáneas do arquivo, deuse conta de que se repetía unha e outra vez o mesmo tipo de fotos familiares: festas de aniversario, vodas, nais cos seus fillos.

Coma se fose un antropólogo da fotografía, Schmid agrupou estas fotos en diferentes “especies”. O resultado é Knipsen, unha historia da Alemaña do século vinte en fotos. Pero a historia é parcial. Se viñese un alieníxena a botarlle unha ollada a Knipsen, podería pensar que todo o mundo pasou os últimos cen anos de festa e de vacacións. O que non vemos nas instantáneas familiares deixa unha impresión tan grande como o que si vemos: non hai traballo, nin funerais, nin discusións. Knipsen é unha importante declaración sobre o que queremos lembrar e o que esperamos esquecer.

Entre as imaxes que Schmid atopou en feiras había fotos de artistas e fotógrafos famosos. Ou polo menos iso parecía. De cando en vez xurdía unha foto que semellaba moito unha de Ansel Adams, ou de August Sander ou mesmo de Cindy Sherman. Traballando con Adib Fricke, Schmid puxo estas fotos xuntas na serie Obras mestras da fotografía. Pasan por falsificacións do máis convincente. A primeira vez que vin unha postal como as de August Sander, que atoparan Schmid e Fricke, estaba seguro de que tiña diante unha foto de August Sander que non vira antes. Esta serie mostra a feble natureza da autoría. Se cadra para ser Ansel Adams tes que estar no sitio axeitado no momento oportuno. A autoría e a orixinalidade, os endebles fundamentos que sosteñen gran parte da historia da arte, pódense poñer en dúbida coa exposición destas obras mestras perdidas. Nunha serie máis recente de Schmid, non se precisan nomes para elevar as imaxes á categoría de arte. En 2002, Schmid rescatou negativos abandonados feitos por fotógrafos retratistas que traballaban no centro da cidade de Belo Horizonte en Brasil (un proxecto que comezou dez anos antes). Estes fotógrafos fan fotos instantáneas e baratas para pasaporte, carné de conducir e carné de identidade. As fotos de color revélanse e procésanse en laboratorios de por alí preto. Cando o cliente recolle a foto, tírase o negativo. Erguéndose todas as mañás antes que os varrendeiros, Schmid atopaba os negativos e revelábaos para el. Os resultados son abraiantes. Unha inmensa cantidade de caras sobre fondos neutros dunha gama de cores; como os retratos de Thomas Ruff, pero con máis sentimento. Estas fotos non precisan dunha orixe falsa, son “obras mestras” por dereito propio. Outro proxecto recente de Schmid amosa un aspecto máis persoal dun traballo que anteriormente parecía gardar as distancias. Very Miscellaneous é unha selección conmovedora de retratos en branco e negro feitos, entre finais dos anos vinte e principios dos cincuenta, por George Garland, un fotógrafo británico case descoñecido. Por encargo de Photoworks, unha organización do sur de Inglaterra, para traballar coas imaxes de Garland, Schmid decidiu expoñer estes retratos xunto con anacos fotografiados de artigos xornalísticos da mesma época. Como espectadores, nós relacionamos as historias coa xente da fotografía do lado, a pesar de que en realidade están desconectadas entre si. Pero de novo a cuestión que xorde tan frecuentemente co traballo de Schmid, ¿que tivo que ver nunca a realidade coa fotografía? Joachim Schmid pode roubar fotos e mentir sobre os seus autores, pero estes delictos menores son sempre por unha boa causa. Tenos amosado como os supostamente mestres da fotografía saquean o mundo da instantánea, e sen embargo reivindican as súas obras como algo único e orixinal. Tamén ten sinalado unha e outra vez que as instantáneas por si mesmas, lonxe de ser inocentes, son enganos moi elaborados. Nos últimos vinte anos, Schmid mostrounos como a fotografía mesma rouba e mente.

Stephen Bull

Advertisements

____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego