Catálogo da exposición "Galicia futura". Galicia futura é unha exposición que amosa cal pode ser o futuro de Galicia en diferentes campos, que van desde as artes ou a música ata a biomedicina e as enxeñarías. Expón un futuro desexado e posible a partir da análise do que están a facer agora mesmo en Galicia os profesionais e grupos de vangarda.
A mostra, dispoñible agora no espazo dixital, toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda, desde as artes, á biomedicina, ou a enxeñaría e o deseño. Galicia futura afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos.
Amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia foron outros dos obxectivos desta mostra viva, que quixo transcender as paredes das salas de exhibición, impulsando procesos creativos propios.
Por iso, incluíu tamén numerosas pezas artísticas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes das artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega, como o cineasta Oliver Laxe, a dramaturga Marta Pazos, os artistas plásticos Rubén Ramos Balsa e Vítor Mejuto, ou a poeta Estíbaliz Espinosa. Todos os audiovisuais podes continuar a velos nesta fiestra virtual na que pervivirá a exposición.
Comisariado:
Deborah García Bello (A Coruña, 1984), é química e divulgadora científica.
Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de transferencia científica de L'Oréal. Traballa como divulgadora en TVE, La Sexta, TVG, Radio Nacional ou a Radio Galega.
Foi galardoada cos premios Prisma, Bitácoras e Tesla á divulgación científica.
Miguel Ángel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), é historiador da arte e divulgador cultural.
Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes.
É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con medios como a Radio Galega, Onda Cero, TVE ou La Voz de Galicia.
____
Editorial: XUNTA DE GALICIA 2021
Idioma: Galego/ Castelán/ Inglés