A integración escolar foi un dos grandes retos do sistema educativo durante o último cuarto do século XX. Presentouse como alternativa á segregación a que estivo sometida calquera forma de diversidade ao longo da historia.
Neste libro, preténdese analizar o impacto real que supuxo a política de integrción educativa para os profesionais, para as institucións educativas e para aqueles alumnos e aquelas alumnas a que ía destinada. Para logralo, contrástanse as propostas teóricas coa súa posta en práctica nos centros.
Preténdese analizar se os cambios producidos foron superficiais ou de profundidade, reais ou aparentes, excesivos ou insuficientes e, desde esta análise, apuntar perspectivas de acción que permitan avanzar nunha mellor atención educativa á diversidade no futuro.
O tempo transcorrido desde o inicio do Proxecto Experimental é suficiente para que a integración como tal deixara de ser hoxe definida como unha utopía. O contraste das ideas coa súa concreción práctica adoita producir ese efecto. Mais a utopía e necesaria como motor dos cambios educativos. Por iso, a procura de superación das limitacións, tanto teóricas como prácticas da perspectiva integradora, derivou nunha nova utopía que denominamos inclusión educativa. Para que esta utopía traspase os foros universitarios e os discursos teóricos, para que se arraigue na práctica educativa, é preciso coñecer a que distancia nos achamos dela. Analizar en que lugar se sitúa a nosa realidade educativa, en relación coa integración e coa inclusión, é indispensábel para poder acurtar o camiño entre ambas as dúas. Co propósito de colaborar nese coñecemento nace este libro.
_____
Editorial: Laiovento 2007
Idioma: Galego