Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CORO CÁNTIGAS E ATURUXOS. REPERTORIO LUCENSE . 1918

€35,00
ISBN 9788494105395
Este libro recolle a historia completa do coro lucense Cántigas e Aturuxos (1915-1948). Unha crónica reconstruída a través do libro de actas, os seus discos de gramófono orixinais e unha exhaustiva recompilación de todas as reseñas que sobre Cántigas se fixeron na prensa e literatura da época. Inclúe ademais un CD con vinte temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro no ano 1918, entre os que se inclúe a súa histórica gravación do Himno Galego.

A obra, que forma parte da colección A Tiracolo, non segue o modelo convencional desta serie, senón que aposta por un libro de maior formato e chega até as 188 páxinas de contido. “Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense. 1918” é a primeira achega dunha certa extensión que se realiza sobre o coro lucense. Apenas se teñen publicado algunhas referencias nalgúns libros xerais dedicados aos coros galegos e algunhas estampas incluídas esporadicamente por escritores lucenses nalgúns dos seus libros. A ausencia de estudos previos sobre os coros lucenses nacidos antes da guerra civil, coa excepción do Orfeón Gallego de Xoán Montes, estendeu un manto de esquecemento tanto sobre Cántigas e Aturuxos, como sobre o coro Frores e Silveiras ou sobre a Coral Polifónica de Lugo do mestre Sariñena. A necesidade de recuperar a historia musical lucense é cando menos urxente e este libro-disco vén a solventar esta eiva con dous obxectivos concretos: sacar á luz pública as primeiras gravacións lucenses da historia rexistradas no ano 1918 e resituar a Cántigas e Aturuxos dentro da historia da cidade no lugar que lle corresponde. A participación do coro nos actos culturais lucenses máis importantes da época, como as primeiras conferencias do Grupo Ronsel, a recadación para a construción do Hospital de Santa María ou a Asemblea Nazonalista de 1918, a gravación do Himno Galego en 1918 e as súas diversas viaxes, permiten comprobar a importancia do noso coro na historia e son algúns dos temas tratados de maneira exhaustiva a través dos 17 capítulos que compoñen esta crónica histórica. Moitos nomes coñecidos cruzáronse dunha ou doutra maneira no camiño da historia de Cántigas e Aturuxos. O gravador Manuel Castro Gil, Xesús Bal y Gay, o agrarista Basilio Álvarez, presidente de honra, como tamén o foi o político conservador Calvo Sotelo. Tamén escritores como Correa Calderón, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez, Trapero Pardo ou Sofía Casanova. Todos eles aparecen na obra pola súa vinculación directa ou indirecta con este coro lucense que entrou na historia de Galicia. O disco que acompaña o libro inclúe 20 temas, entre os que figuran os primeiros rexistros lucenses do ano 1918 e, por suposto, a primeira gravación do Himno Galego. Estas cancións foron comercializadas na época en discos de gramófono de 78 rpm, agora restaurados e dixitalizados para este traballo editorial. As gravacións orixinais foron realizadas en dúas datas diferentes. O primeiro rexistro produciuse no ano 1918 para a “Compañía del Gramófono” e o segundo tivo lugar durante as festas do San Froilán, o 4 de outubro de 1928. Esta gravación foi realizada nos salóns da Deputación provincial lucense, aos que se desprazou un equipo da Casa Odeón de Barcelona, dirixido polo enxeñeiro Sr. Rabassa 01 Foliada de Bagueixos. 3’08 02 Canto de Arrieiro I. 3’13 03 Foliada de San Simón. 2’56 04 Alalá Bergantiñán. 2’58 05 Canto do Arrieiro II. 2’16 06 Muñeira da Chanca (Lugo). 2’44 07 Cuadrilla Segadora. 3’03 08 O Bico (Montes). 2’53 09 Canto da Sega. 2’42 10 Alalá de Monforte. 2’58 11 Foliada de Lemos. 2’19 12 Foliada da Coruña. 2’49 13 Alalá de Chantada. 2’58 14 Foliada de Lózara. 2’36 15 Camiño da Festa. 2’09 16 O Carriño. Alalá. 2’58 17 Ribeiras do Miño. Alalá. 3’08 18 O Mozo. A catro voces. 2’53 19 Foliada do Valle de Lemo. 2’48 20 Himno a Galicia. 2’32    

____

Editorial: Ouvirmos
Idioma: Gallego