Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS

€22,90
ISBN 9788418567957

Unha coidada edición facsimilar.

Con pólvora e magnolias é unha das obras cumio da poesía galega contemporánea, escrita por Xosé Luís Méndez Ferrín e publicada por primeira vez en 1976 (baixo o selo de Edicións do Castro. Este libro marcou un antes e un despois na literatura de Galicia ao rachar definitivamente coa estética da posguerra e dar inicio á denominada poesía galega moderna.
Supuxo toda unha revolución cultural. Esta obra marcaría un novo tempo para a poesía
galega. Pola calidade e novidade do seu verso, mais tamén polo seu singular formato e deseño.
O argumento e eixes temáticos
Non ten un argumento lineal por ser un poemario, pero si un fío condutor baseado na dualidade que expresa o propio título:
  • A pólvora (Compromiso político e social): Representa a militancia, a loita contra o réxime franquista, a necesidade de revolución e o desexo de liberdade para o pobo galego.
  • As magnolias (Intimidade e lirismo esteticista): Representa o amor, o erotismo, a vellez, o paso do tempo e a memoria nostálxica da mocidade.
  • A síntese: O gran valor do libro é que Ferrín non separa estes dous mundos. O eu poético intégrase nas frontes de loita revolucionarias sen renunciar aos sentimentos máis íntimos e intelectuais.
Importancia histórica e literaria
A transcendencia deste libro en Galicia é absoluta por tres motivos principais:
  1. Ruptura co "Socialrealismo": A poesía dos anos 50 e 60 en Galicia (o Celanovaismo) estaba moi centrada nunha denuncia social sinxela e directa. Ferrín demostrou que a poesía social tamén podía ser complexa, culta e de vangarda.
  2. Renovación formal: Introduciu correntes europeas e hispanoamericanas coma o surrealismo, o existencialismo ou as referencias culturais clásicas, elevando o listón estético da lingua galega.
  3. Influencia xeracional: Foi o faro que alumou á Xeración dos 80. Sen este libro non se entendería a eclosión poética de autores posteriores nin o nacemento de colectivos como Cravo Fondo.

Unha coidada edición facsimilar de Alvarellos Editora rescata agora esta obra emblemática, cando se cumpren 50 anos da súa aparición.
Como engadido, incorpora un Epílogo a cargo do poeta e especialista no autor, Anxo Angueira, e manuscritos orixinais, moi descoñecidos, dalgúns dos poemas.

RÉPLICA EXACTA DUN LIBRO INESQUECIBLE.

Impresa utilizando o mesmo tipo de papel kraft de cor marrón no interior e “verxurado” na cuberta, esta edición facsimilar é pois unha perfecta réplica da orixinal de 1976: no formato (18 x 20,2 cms), nas cores amarela escura da capa e na violeta para todos os textos, na tipografía, e mesmo foi encadernado manualmente, pegando as lapelas, tal e como se presentaba na súa edición príncipe.

«O libro padeceu un boicot, pero venceu polo deseño», afirma hoxe Méndez Ferrín.
«Esta obra tíñao todo para se converter nun referente poético daqueles anos, pero tamén
para erixirse, como se erixiu, nun artefacto literario cuxa vixencia permanece cincuenta
anos despois».

Poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín, a súa proposta concéntrase en dous eixes temáticos principais, expresados no propio título: a “pólvora”, que é símbolo de revolución, de loita, do nacionalismo, do compromiso e da reivindicación; e a “magnolia”, que implica introspección íntima e problemática existencial, isto é, poesía combativa combinada cunha expresión lírica e intimista. Consta de 22 poemas estruturados en tres partes: os primeiros dezaseis poemas; a serie “Triste Stephen”, que se divide en cinco seccións; e o poema final “Reclamo a libertade pró meu pobo”, unha especie de epílogo en correlato co poema inicial no que tamén hai un canto á liberación de Galicia. Un dos motivos dominantes é o paso do tempo, sobre todo nos poemas máis autobiográficos nos que o poeta lembra a infancia e a mocidade. Ás veces afróntao desde unha perspectiva nostálxica, cargada de tristura, ou vinculada ao sentimento de saudade; outras, con dor e con espanto. A metáfora do río, que se remonta a Confucio, Heráclito e Jorge Manrique, expresa ese fluír constante da vida. A reflexión sobre o paso do tempo asóciase á morte, consecuencia inevitable, unida tamén ao amor; todos os poemas amorosos e eróticos recrean o tópico do amor contra o tempo e a morte. Non obstante , sempre prevalece o desamor. O amor é dor, é o desencontro no espazo e no tempo, unha utopía da que só se goza -ou padece- na lembranza. Outro motivo importante é a idea de decadencia: a recuperación do tempo pasado é imposible, polo tanto, imponse a evidencia do fracaso en forma de derrota, naufraxio ou derrubamento. O libro supón unha alegación revolucionaria en favor do nacionalismo popular e do internacionalismo proletario, con alusións a revolucionarios emblemáticos como Ho Chi Minh e Sean Mac Stiofain; tamén a persoas que perderon a vida na loita, como Moncho Reboiras, os mineiros de Lousame, Daniel Niebla e Amador Rey; e a presos políticos, como Ulrike Meinhof. As referencias culturais son unha constante que se manifesta a través das citas de escritores, músicos, pensadores, políticos e mesmo de movementos -existencialismo, xeración beat, marxismo, sindicalismo-. Intercala citas en italiano e francés, xunto con anglicismos, galicismos, xermanismos e latinismos. A métrica empregada segue esquemas moi variados, aínda que predomina o metro culto, sempre branco, sen rima. A lingua utilizada é culta e o seu estilo caracterízase por unha gran suntuosidade e exuberancia, que por momentos acada o barroquismo. Recibiu o Premio Nacional da Crítica.

Con pólvora e magnolias supuxo, a xuízo de toda a crítica, unha pauta produtiva decisiva para evitar a asfisia do repertorio galego, tanto por reclamar espazos para o subxectivismo e a introspección como por inscribirse nun camiño crítico coa hipertrofia do socialrealismo formulado desde a vontade de inclusión desde os postulados ideolóxicos da poesía cívica e combativa. A apertura ao culturalismo e á tradición cultura europea, que volven fastosa e preciosista a composición e retoman a temática clásica, dáse en paralelo a unha revisión práctica do canon poético galego que toma como modelo a obra final de Álvaro Cunqueiro e, no que toca á serie combativa, parte dos postulados dunha praxe lingüística revolucionaria que propugna o moi citado Mao Tse Tung.
*Vilavedra, Dolores (Coord.) (2000). Diccionario da Literatura Galega III. Obras. Galaxia.

______

Editorial: Alvarellos 04-2026
Idioma: GALEGO 
Páxinas: 116
POESÍA