A vinganza dos homes bos é un libro sobre o paso do tempo e o exilio dos anos. Sobre a culpa, que medra como carriza, desfacendo a pedra máis forte. Sobre o valor necesario para ser covarde.
Sobre as palabras que son capaces de rachar as armaduras máis feroces. E tamén sobre as palabras capaces, mesmo, de matar. Palabras sinxelas, como, por exemplo, «perdón». O exinspector de policía Carlos Manso anda detrás dun asasino, pero non do que a el lle gustaría. El mesmo tamén matou un home, unha vez.Dúas historias policiais separadas por vinte anos e dous mil quilómetros, pero unidas pola necesidade de redención. O barco American Star, a Marcha Verde sobre o Sáhara Occidental ou os túneles agochados baixo a cidade de Vigo son os escenarios dun naufraxio, real e metafórico, que supón, en certo xeito, o final de Carlos Manso.
Manuel Esteban (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de formación profesional. Traballa no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down, e foi durante oito anos vicepresidente de Down Vigo. «A ira dos mansos», Premio Xerais 2016, foi a súa primeira novela, seguida por «O meu nome é Ninguén» (Xerais, 2018) e «A vinganza dos homes bos» (Xerais, 2020), todas elas protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. «Setestrelo» (Xerais, 2023), publicada na colección Fóra de Xogo, é unha novela destinada ao público xuvenil. Con «O xogo de Escher» (Xerais, 2024) gañou o IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A súa obra máis recente é «A lei do mar» (Xerais, 2025).
____
Editorial: Xerais 05-2020
Idioma: Galego
Páxinas: 264
NARRATIVA
CARLOS MANSO
VIGO
NOVELA POLICÍACA