Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

CASTELAO NA LUZ E NA SOMBRA

€40,00
ISBN 9788498654349
Biografía dunha das figuras fundamentais da historia de Galicia, Castelao na luz e na sombra tamén retrata un período importante da historia do noso país a través dun dos seus protagonistas. Paz-Andrade combina o papel de biógrafo co de historiador, a erudición e a documentación co pulo e a vocación literaria.

Amais do poemario Pranto matricial e dun considerable número de ensaios e artigos, Valentín Paz-Andrade dedícalle ao autor de Sempre en Galizaa súa monumental biografía Castelao na luz e na sombra. Escríbea entre abril de 1980 e outubro de 1981; o libro publícase o ano seguinte, cando o autor xa pasa dos oitenta anos. Antes, Paz-Andrade realiza un intenso traballo de investigación e documentación, de recompilación de textos e de consultas con testemuñas. No ano 1986, Ediciós do Castro tira do prelo a segunda edición, corrixida e aumentada, da que se parte para a que publicamos agora, outra volta revisada, co gallo do Día das Letras Galegas. "Valentín Paz Andrade, unha ducia de anos máis novo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coñeceu, conviviu e mesmo foi amigo de Castelao. Compartillaron un tempo, un proxecto e, xa que logo, había complicidade entre eles ata xullo de 1936. Logo o vento da intolerancia, dos outros, esgallounos. Con grande parte desa memoria, a súa autobiografía, e coa dos compañeiros que sobreviviron, que lle forneceron e complementaron datos, compuxo a biografía que aniñaba no seu maxín." Paz-Andrade, Valentín Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987) foi persoa de múltiples ocupacións e difícil clasificación: xornalista, avogado, economista, investigador literario e histórico, intelectual e activo político. Entre os acontecementos que viviu, están a ditadura militar de Primo de Rivera, a República, a frustración da autonomía galega, a Guerra Civil e a ditadura militar de Francisco Franco, a restauración monárquica, a recuperación democrática e o novo Estatuto. Atopou respostas, cando mozo, nas ideas do nacionalismo galego que confluíron na fundación do Partido Galeguista, do que formou parte. Fundou e dirixiu o diario Galicia, unha experiencia referencial na historia do xornalismo galego. Foi candidato galeguista nas eleccións de 1931, 1933 e 1936 e sobreviviu á ameaza mortal do golpe militar de Franco. Participou como profesor nos cursos de pesca que organizou a FAO en diversos países latinoamericanos. As súas ideas de vincular o futuro político de Galicia co desenvolvemento económico articúlanse en ensaios fundamentais como Galicia como tarea (1957) ou La marginación de Galicia (1970), ademais de dar soporte teórico e práctico a empresas como Pescanova. Representou a Galicia na Comisión negociadora da Transición, entre outros con Jordi Pujol, Felipe González e Santiago Carrillo. Foi senador de 1977 a 1979 e defensor da autonomía desde posicións críticas. Como poeta, escribiu Pranto matricialSementeira do vento e Cen chaves de sombra; como ensaísta, A galecidade na obra de Guimarães Rosa e Galiza lavra a sua imagen, e, como biógrafo de Castelao, a súa obra monumental Castelao na luz e na sombra.

____

Editorial: Galaxia
Idioma: Gallego