Ir ao contido
¡Inauguramos a nosa nova web baixando os gastos de envío a 2,95€! 📦
¡Baixamos os gastos de envío a 2,95€! 📦

AZIZ+CUCHER

€9,90
ISBN 9788487882196

“As Formas manifestábanse soamente ao sufrir metamorfoses. Cada forma tiña a súa propia e perfecta distinción sempre e cando mantivese esa particular forma, pero todos sabían que un momento máis tarde podía converterse noutra cousa.



No tempo de Europa e Io, o veo da epifanía aínda operaba. O touro muxinte e a vaca tola aparecerían novamente como Deus e Doncela. Pero co paso de xeración en xeración, a metamorfose fíxose máis difícil, e a natureza fatal da realidade, a súa irreversibilidade, máis evidente”

No espacio cibernético convertémonos en información, unha corrente numérica que pode ser manipulada e cambiada a vontade. A medida que as posibilidades de dixitalizar a materia ata os niveis máis recónditos se fan cada vez máis reais, o espacio cibernético convértese no noso mundo, xa non é máis unha fantasía distante e allea. Somos agora parte del, en infinita transformación e reconfiguración. O que temos que aceptar é que o resultado destas metamorfoses non sempre pode predicirse ou controlarse con exactitude.

Unha vez que o corpo e mais a mente se dixitalicen ata o derradeiro átomo e a derradeira fracción de memoria, ¿habemos ser daquela os habitantes dun espacio de razón pura? ¿Haberá lugar para a alma no íntimo intersticio entre hardware e software? Queremos crer que si o haberá, se cadra nun recuncho minúsculo que se resiste á razón e que se mantén teimudamente irracional.

Nestes tempos post-Darwinistas en que adquirimos os medios para dar forma á evolución e re-crear o mundo a vontade, non podemos dotar este novo universo coa razón pura dos díxitos e dos algoritmos. Temos que fornecelo tamén con emocións e cun sentido de todo aquilo que é inescrutábel e que debe ficar no misterio. Un mundo sen misterio seguramente ha ser máis conveniente, pero non terá beleza e poesía tal como as coñecemos.

As diversas series que conforman o noso traballo dende 1992 ata hoxe son un intento de crear imaxes que dalgún xeito se enfronten á nosa realidade, aceptando os instrumentos que nos ofrece a tecnoloxía e asemade tratando de atopar unha poesía visual que poida ser fonte de emocións e de misterio.

Roberto Calasso, As Vodas de Cadmo e Harmonia

Tal como testemuña o parágrafo anterior, nos tempos da antigüididade seica viviamos confortabelmente coa idea da metamorfose. Co avance progresivo das ciencias dende o Renacemento ata o positivismo do século XIX, desaparece a idea dun universo mutábel, substituída por unha realidade fixa e cuantificábel. Sen embargo, nunha nova volta do círculo, parece que hoxe en día, cando aceptamos e celebramos os avances en computación, nanotecnoloxías e enxeñería bioxenética, regresamos a unha visión do mundo que semella mutábel por completo. Ovidio, no primeiro verso das Metamorfoses di “Canto acerca de corpos que cambiaron en varias formas”; a diferencia entre a antigüidade e a nosa era é que namentres os seres de Ovidio se transformaban dunha forma coñecida a outra forma coñecida, nós estamos a punto de transformarnos de formas coñecidas cara a formas descoñecidas.

Cando Breton, no primeiro manifesto surrealista escribe “Creo na futura resolución destes dous estados – aparentemente contradictorios- que son o sono e a realidade nunha especie de realidade absoluta, a surrealidade”, non tiña forma de imaxinar o espacio cibernético do noso tempo e a plasticidade consecuente da dixitalización. Segundo o arquitecto e pensador Marcos Novak, o espacio cibernético (Cyberspace) é o lugar onde “os soños conscientes se atopan cos soños inconscientes, unha paisaxe de maxia racional, de razón mística…”

AZIZ+CUCHER, Nova Iork 2002


____

Editorial: CEF
Idioma: Gallego