Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

ANNA TURBAU. GALICIA 1975–1979

€30,00
ISBN WP15453
Unha exposición que repasa a ollada íntima da fotógrafa Anna Turbau á Galicia da transición.
Este catálogo peneira no arquivo fotográfico que Anna Turbau realizou entre 1975 e 1979 para presentar unha Galicia distinta a do discurso habitual. Turbau é pioneira na escolla das temáticas, en narrarse no acto de narrar, na independencia como actitude persoal e como linguaxe, nesa operación na corda frouxa que ten como albo construír unha obra pegada ao real.

Talvez por iso poidamos aplicarlle ao contexto no que fotografou, a Galiza de fins dos setenta, a opinión de Eco cando di que as vicisitudes do noso século [dos curtos anos setenta] están resumidas por poucas fotografías exemplares que fixeron época. “Anna Turbau. Galicia, 1975-1979” é un libro que responde ao legado que Anna cedeu ao Consello e que suma máis de 10.000 negativos. Un traballo de edición fiel ao arquivo da fototógrafa catalá xa que existe unha correlación entre o espazo que ocupan na publicación e o número de negativos que hai no arquivo. Ademais das fotografías, a publicación conta con catro textos que permiten contextualizar a obra e a autora.

Conflitos e intimidades
A Galicia retratada por Anna Turbau reflicte o mundo rural, os espazos íntimos, a enfermidade, a soedade ou o conflito. Ámbitos destacados son as loitas campesiñas e sociais contra a realización da autoestrada AP-9, as traballadoras do campo, as mariscadoras, o mundo da relixiosidade popular, as manifestacións polo naval ferrolá, os debates sobre a autonomía e as posicións nacionalistas ou espazos ata ese momento moi pouco visibilizados coma o sanatorio psiquiátrico de Conxo. Un auténtico miradoiro sobre as profundas transformacións e tensións que estaba a vivir a Galicia da transición, de a cabalo entre unha dictadura e unha democracia, entre unha sociedade rural que deixaba de selo en parte.

"A miña ollada é sempre desde o respecto", sinala Ana Turbau. "Ver a aqueles mulleres dobregadas polo traballo e aínda así loitando hai que valoralo. Esa resistencia e ese convencemento que tiñan ao redor do que estaban facendo". Turbau chegou a unha Galicia na que a presenza dos medios de comunicación e o trato con xornalistas ou fotógrafos era moi reducido. "Eu facía as fotos de muller a muller", sinala a fotógrafa, "eu dicíalles que tiñamos a capacidade de que o seu problema se puidera fóra de Galicia. E accedían a facer a foto".

Por iso a ollada de Anna Turbau é unha ollada dunha Galicia na que a muller ocupa un papel predominante na exhibición. Unha muller rodeada de maneira habitual de obxectos, situacións e acenos: a cama, as olladas ou as mans. No futuro poderase acceder a un catálogo que incluirá máis fotografías alén da selección de cen imaxes que se poden visitar, como unha viaxe a un tempo aparentemente tan próximo pero que retrata unha Galicia moi distinta á actual.

Margarita Ledo achega unha lectura que reflicte o seu propósito comisarial e o seu encontro con Anna neses anos. O texto de Emilio Grandío ten un punto de vista histórico de revisión da transición. O de Cristina Zelich enmarca a obra de Turbau no contexto da fotografía dos anos sesenta, mentres que o de Rebeca Pardo fai unha análise complementaria de toda a obra da fotógrafa catalá. A publicación é tamén o primeiro traballo de compilación e documentación que se fixo sobre o legado desta fotógrafa.

Anna Turbau Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona. Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).  

____

Editorial: Consello da Cultura Galega 2017
Idioma: Galego