Oso. Un retrato (1887), talvez a novela breve máis famosa do premio Nobel Henrik Pontoppidan, está protagonizada por Thorkild Müller, un cidadán xutlandés de presenza impoñente e modos bruscos que, tras se converter en pastor case por inercia, é destinado a unha modesta parroquia en Groenlandia.
Lonxe dos convencionalismos e das restricións do continente, tan singular personaxe atopa un inesperado sentido da ética e de pertenza entre a poboación inuit, onde o seu temperamento indómito non só non supón un impedimento, senón que lle granxea o favor da comunidade, tanto en termos de respecto coma de afecto. Porén, andado o tempo, os avatares da vida levarano a, outra volta, ter que se enfrontar ás normas e ás xerarquías da Igrexa, contrarias á súa actitude franca e independente.
Con este relato de memorable final, Pontoppidan construíu, sen pór nunca un pé en Groenlandia na vida real, un dos textos máis sutís, conmovedores e carraxentos da literatura dinamarquesa, cunha constante confrontación entre a autenticidade do individuo e o peso que sobre este teñen as institucións. Se ben breve, nesta peza brilla con luz propia unha lúcida reflexión sobre a dificultade de permanecer fiel a un mesmo nunha sociedade gobernada polo conformismo, un mal enraizado que o autor escandinavo atacou sen reservas no conxunto da súa obra.
Sarah Orne Jewett naceu en South Berwick (Maine) en 1849, no seo dunha familia acomodada. Filla dun obstetra, educouse na casa e acompañou a miúdo o seu pai nas visitas aos pacientes da contorna, o que lle permitiu coñecer de preto a vida das comunidades de Nova Inglaterra, onde os seus levaban instalados xa varias xeracións. Afectada dende cativa por doenzas reumáticas, pasou longas tempadas entregada á lectura e aos paseos en soidade pola natureza, outro feito relevante para a comprensión da súa obra posterior.
Debutou como escritora cun relato na revista Atlantic Monthly e non tardou en consolidarse como unha voz destacada do chamado rexionalismo estadounidense. A súa produción pertence sobre todo ao ámbito da narrativa, onde retrata con gran sensibilidade as paisaxes e as xentes de Nova Inglaterra. A súa novela máis reputada é sen dúbida A terra dos abetos en punta, mais antes xa escribira outras pezas de relevo, como Deephaven (1877) ou A Country Doctor (1884), amais do afamado relato breve A White Heron (1886). Canto á súa poesía, foi case toda de publicación póstuma, incluída a trintena de composicións amorosas dedicadas a distintas mulleres.
A partir de 1881, despois de que a tamén escritora Annie Adams Fields quedase viúva do editor James T. Fields, as dúas mulleres mantiveron unha relación íntima e viviron xuntas –a cabalo entre Boston e Maine– durante case tres décadas. Sarah Orne Jewett morreu en 1909 na casa familiar de South Berwick.
____
Editorial: Hugin e Munin 04 2026
Idioma: Galego
Páxinas: 180
NARRATIVA XIX