A señorita Corazóns Solitarios é o pseudónimo dun xornalista que mantén un consultorio sentimental nun diario de Nova York. A súa sección é unha manobra para vender máis exemplares. Tras varios meses respondendo cartas con torpes palabras de esperanza, a farsa escapa do seu control. Decátase de que as confesións dos lectores son humildes expresións dun sufrimento verdadeiro que reclaman consello moral e espiritual, e vese na obriga de examinar os valores polos que se rexe. Este exame demóstralle que, nuns tempos de desafección, el non é o autor da burla, senón tamén unha vítima.
Ambientada na época da Gran Depresión, a escritora Flannery O’Connor considerábaa a mellor novela moderna, canda En canto agonizo, de Faulkner. Para o crítico Harold Bloom, era un dos cumios da ficción norteamericana. Interpretada pola crítica como proba do gnosticismo xudaico (e tamén en clave de simbolismo freudiano), dramática e mordaz, parodia ou farsa tráxica, os seus dous protagonistas antitéticos brindan momentos excepcionais: a señorita Corazóns Solitarios, co seu complexo de Cristo salvador, que devén nun vórtice imparable, e o seu mefistofélico e descrido xefe Shrike.
A señorita Corazóns Solitarios é unha novela cargada de ironía e humor negro, cunha estrutura impecable, de admirable economía verbal. Unha sátira contra a relixiosidade da sociedade estadounidense e a amoralidade dos medios que acaba por tornar nunha parábola nihilista.
Nathan Wallenstein Weinstein
Naceu en Nova York en 1903. Era fillo dun matrimonio de inmigrantes xudeus xermanofalantes, de clase media alta, naturais de Kaunas (Lituania). Malia non rematar o bacharelato, conseguiu que o admitisen, cun expediente falso, na elitista Tufts University de Boston, de onde o expulsaron. Recuncou, falseando outra volta os papeis, na Brown University de Providence, e licenciouse en 1924.
Entre 1926 e 1927 viviu en París. Alí escribiu The Dream Life of Balso Snell, a primeira das súas catro novelas. Ao regresar a Nova York, traballou na construción e axiña pasou a ser xerente dun hotel en Manhattan, na quenda de noite. As xornadas nocturnas, nas que conviviu con amigos escritores aos que lles brindaba aloxamento, servíronlle para corrixir a súa primeira novela, que conseguiu publicar en 1931, e para ler en segredo a correspondencia dos hóspedes, que seica lle deron o punto de partida para escribir A señorita Corazóns Solitarios (1933), de escaso éxito comercial porque a editorial entrou en suspensión de pagos. Ese ano decide marchar a Hollywood a traballar de guionista, a xunta amigos como Scott Fitzgerald, Dashiell Hammet ou Faulkner. En 1934 viu a luz a súa terceira novela, A Cool Million, e en 1939, O día da lagosta, considerada unha das mellores narracións sobre o Hollywood dos anos trinta. É autor así mesmo de dúas pezas de teatro satíricas.
Morreu, canda a súa muller Eileen McKenney, ilustradora para Disney, en 1940 en El Centro (California), nun accidente de automóbil, cando se dirixían ao enterro de Francis Scott Fitzgerald.
____
Editorial: Hugin e Munin 04-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 124
GRANDES CLÁSICOS
NOVELA SÁTIRA SOCIAL