Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

Á DERIVA

€15,00
ISBN 9788494695964
Seis relatos pespuntados liricamente pola voz dun autor que nos vai levando desde un mundo trazado pola incredulidade do accidente do Discoverer Enterprise –incrustado pateticamente na ponte das Pías– até a novela breve Patria do vento tourón, en que se relatan as vicisitudes do torreiro Terencio, namorado dunha serea.

O realismo combina co fantástico, sen renunciar ao ton irónico, mesmo cómico, a pesar de que se poida mastigar a traxedia, como acontece en Maxia real –un conto máxico de reis en que anda a rondar a morte–, en Canción de arrolar, co fusilamento en 1938, após ter dado a luz, de Amada García no castelo de San Filipe de Ferrol, e en Berlarmino e o robalo, co teimudo submarinista que interioriza como un desafío a loita contra o magnífico animal. Finalmente, Isabel de Barreto, a almiranta dos Mares do Sur, antóllase tema recorrente e caro ao autor, agora recreado a través da figura dunha súa trasneta, protagonista de Ofelia Seis Dedas, que quixo tripar as mesmas terras que ela tripara en 1595 e que motivará a súa desgraza. Seis narracións, en definitiva, cheas de paixón, escritas co bon oficio de quen leva anos exercendo; narracións que, con certeza, non haberán de causar indiferenza a quen as lea.

____

Editorial: Belagua
Idioma: Galego