Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

A DAMA QUE FALA

€18,00
ISBN 9788412633474

Dadaísmo, surrealismo, rabudismo, inconformismo, rupturismo, rompentismo. Diso vai A dama que fala. Este libro de Rompente é a reedición do último libro que publicou o grupo en 1983, antes de separase. Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón reuniron baixo o toldo de “A dama” (un espectáculo que tivo varias versións) a parte da vangarda artística de Galicia daquel tempo: os artistas plásticos Menchu Lamas, Antón Patiño, Ánxel Huete e Guillermo Monroy e os compositores Enrique X. Macías e Julián Hernández.
Cumpridos xa os 40 anos da primeira edición, cómpre mergullarse agora na “perturbación Rompente” cun libro onde se recuperan os textos orixinais e a pegada estética de Lamas e Patiño. Neste volume inclúese tamén un apéndice documental que quere axudar a visualizar aquel tempo de grandes preguntas e silenciosas perplexidades. Se cadra, igual ca hoxe.

VOLVE ROMPENTE. Entre 1976 e 1983, Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria rompedora en Galicia que comezou chamándose Grupo de Resistencia Poética e desembocou no que marcaría as súas vidas: O Grupo de Comunicación Poética Rompente. Publicaban poemas con aquela técnica de impresión coñecida como «vietnamita» e multicopias con clixés. Eran, en doses inexactas, un chisco «beat» e un chisco guerrilleiros. Avendaño, Reixa e Romón fundaron Rompente Edicións e publicaron «Silabario da turbina» (1978) e «A dama que fala» (1983). En 1979, a serie Tres Tristes Trigues vería a publicación de 3 libros de autor: «As Ladillas do Travesti» (Reixa), «galletas kokoshka non» (Romón9 e «Facer Pulgarcitos Tres» (Avendaño). Logo, reecontraríanse na antoloxía poética «Upalás» (1998). Facían «performances» e estaban obsesionados coa linguaxe «multimedia». Subíanse a escenarios con músicos como Julian Hernández (antes de que se fundase Siniestro Total), e colaboraban con pintores como Menchu Lamas e Antón Patiño para visualizar a súa expresión poética. Hoxe, uns 40 anos despois, teiman na poesía e volven dirixirse a palabra aínda que seguen falando sós.

____

Editorial: Elvira 10-2024
Idioma: Galego