
Algunhas persoas de Rianxo considerábano un sátiro, polos seus amoríos, festas e extravagancias de todo tipo; para outras era máis ben un anxo, que lles daba aos pobres todo o que tiña. En Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo inténtase resolver definitivamente ese dilema mostrando a fascinante personalidade de quen decidiu vivir para ser amado ou para ser odiado, non para ser comprendido. Nin sequera a familia e os amigos máis próximos de Faustino chegaron a intuír o segredo íntimo que dirixía o seu estraño comportamento nin o enorme custo persoal que iso lle reportaba e que aparece de manifesto nesa recorrente angustia dos seus escritos. Xosé Ricardo Losada descobre ese segredo nunha obra onde se revelan a vida e a obra de Faustino Rey Romero desde unha perspectiva nova e desconcertante. Fotografía da capa: Faustino Rey Romero xunto ao tamén poeta Baldomero Isorna a comezos da década de 1960. Fotografía de Francisco Buceta Gómez, “Pasarín”.
____