Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

TERRA E TEMPO Nº 180 RESISTENCIA E EXPANSIÓN CULTURAL

por VV.AA
€19,00
ISBN WP16226
Crónica do mevemento cultural galego na ditadura (1961-1976). A Fundación Terra e Tempo reflicte en Resistencia e expansión cultural, a crónica do asociacionismo cultural durante o franquismo, que estará á venda no Festigal, a etapa inicial de cada asociación cultural que nacera con vocación galeguizadora e de transformación social. “Queríamos publicar esta información para que a memoria das asociacións culturais non ficara arrombada nos faiados das casas, entre papeis vellos que xa nin se remexen”, explica a fundación.  

Trátase dunha aproximación, da man das propias protagonistas, a un sector daquela mocidade con ganas de rachar cunha dinámica cultural paternalista e desgaleguizadora. Alimentar o futuro O novo volume do Terra e Tempo recolle o innegábel ronsel que deixou tras de si todo o movemento cultural dos sesenta e setenta: mostras de teatro, de cinema, de música tradicional, feiras do libro, unha rede editorial, mesmo unha política cultural municipal. “Non todo o abordado neste Terra e Tempo é historia. Segue habendo un vizoso movemento cultural en Galiza mais alá das institucións, que deben ter o seu ámbito de actuación mais nunca substituír o que é esencial... a participación de cada un de nós en crear cultura galega, en soster espazos autónomos de difusión da creatividade que ten Galiza como razón de ser e de existir”, recóllese na introdución da publicación, onde se pon de manifesto que “a cultura como elemento de concienciación política é esencial, foino no pasado e aínda o é máis na actualidade”. Os contidos Primeiro as asociacións. Abrente de Ribadavia, a abrir camiños nas terras do Ribeiro. Amigos da cultura de Pontevedra, a facer cultura de nos na boa vila. A Asociación Cultural de Vigo, a resgatar Galiza na grande cidade do sur do país. O Ateneo de Moaña, a fabricar galegas e galegos nas terras do Morrazo. A Auriense, a espertar conciencias por onde pisaron as xentes de Nós. Avantar, avanzando cara a Galiza pola comarca de Orcellón. Os Cabaceiros, galegos de lei en Maceda. Valle Inclán, o comezo de todo en Lugo. A Agrupación Cultural Monforte, o encontro dos que querían  repetir a Castelao. O Seminario de cultura galega do Club de amigos da Unesco, a escola de galeguidade en Madrid. Os Choupos, a Galiza que quería seguir sendo en Verín. Os Cigurros, a cultura para sempre na Rúa. O Departamento de cultura galega da asociación de amigos da ONU, a casa dos galegos practicantes en Barcelona. O Eixo, unha proposta para galeguizar a Universidade. O Facho, unha luz na noite da Coruña das Irmandades. Francisco Lanza, a facer cultura en Ribadeo até hoxe. O Galo, un canto galego en Compostela para sempre. Inquedanzas, a levar as preocupacións galegas a Portonovo. Liboreiro, o comezo dun tempo novo en Bueu. Lóstrego, a tormenta galega que sacudiu Madrid. Lumieira, a luz que prendeu en Carballo até hoxe. Lumieira, o facho que alumeou Chantada en tempos de escuridade. Sementeira, o traballo de varias xeracións de viveirenses que deu froito. O Xestal, o soño dunha mocidade de Barro que non dimitía como galega. Xuntanza de Seixo, cando Galiza volveu a Marín. Agora os autores. Xosé Luís Chao, Luísa Escudero, Mela Fariña, Isolina Rionegro, desde o parto de Abrente até hoxe. Pilar Allegue, no Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco e en Amigos da Cultura de Pontevedra por Galiza. Luís Pérez Rivas, no Ateneo de Moaña e na Fronte Cultural. Nemesio Barxa, un galego de lei na Auriense e na cultural de Vigo. Felipe Senén López, na cultura galega desde Avantar. Santiago Prol e Xerardo Dasairas, cronistas e protagonistas en Maceda e Verín. Xosé Lois Cortes e Xosé Lois García, operarios da cultura galega en Monforte e Barcelona. Xan Fraga e Afonso Eire, facedores de luz en Carballo e Chantada. Margarita Fernández, a actriz e dramaturga que comezou en Os Cigurros. Seguimos cos cronistas. Henrique Harguindey, Xosé Alberte Corral, Manolo Romero e André Salgueiro, na cultura galega desde a fundación do Facho. Xesús Sanxuas, o secretario daquel Galo que comezaba a cantar. Francisco Rodríguez Guerreiro, sementador de Galiza en Viveiro e na Mariña. Dores Fernández Abel, presidenta actual de Francisco Lanza.  Bieito Iglesias e Andrés Fernández, sempre en O Eixo. Cesáreo Sánchez e Xan Rey, dous lóstregos a facer cultura en Madrid e Barro. Luciano Guimeráns e Xosé Novas, no comezo de todo en Marín e Bueu. Lois Diéguez, un imprescindíbel na cultura galega, tamén no Valle Inclán. Escola de formación A historia da Galiza actual non se explicaría sen o labor desenvolto polo asociacionismo cultural galego nas décadas finais do franquismo. A difusión da cultura galega, a organización de cursos para a aprendizaxe da nosa lingua, a recuperación de tradicións e expresións etnográficas, o apoio á escrita, á musica, ao cinema, ao teatro ou ás artes plásticas ou a celebración de centos de palestras e mesas redondas sobre problemáticas diferentes, resultaron decisivas para a toma de conciencia galega e democrática de centos de persoas no conxunto do país. As entidades culturais actuaron ao tempo como unha auténtica escola de formación de demócratas e como un viveiro de antifascistas e xogaron un papel chave na estruturación da alternativa nacionalista, primeiro na clandestinidade e despois nos anos limiares da mal chamada transición. A publicación editada pola Fundación Terra e Tempo representan un chanzo máis no resgate da memoria orfa dos anos finais do franquismo e dos inicios da restauración borbónica.

____

Editorial: Terra e tempo
Idioma: Galego