Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

GRIAL 235

por VV.AA.
€13,00
ISBN

O audiovisual galego actual: entre o mundo paralelo e as plataformas (Xosé Nogueira)

Pasaron xa vinte anos dende a presentación nesta mesma publicación do primeiro estudo monográfico, coordinado quen isto asina, sobre o audiovisual galego (GRIAL 154, T. XL, abril-xuño 2002) logo da publicación das primeiras historias xerais do cinema galego andando a década dos anos 901. Tratábase duns materiais que ían máis alá do específico territorio cinematográfico para reparar tamén noutros sectores daquela emerxentes como a ficción televisiva ou a publicidade, no diálogo entre as xentes do teatro e as imaxes analóxicas ou dixitais e, como non podía ser doutra maneira, na abordaxe dun fenómeno, a dixitalización, que estaba a irromper naqueles anos e que ía cambiar para sempre as nosas vidas, comportando asemade unha enorme mutación nas formas estéticas e unha gran transformación das fórmulas de produción, distribución e exhibición artísticas.

O devir dos anos seguintes non fixo senón confirmar moitas das intuicións e análises que os diversos colaboradores presentaran naquel número ata que, no remate daquela primeira década deste século XXI, a confluencia entre os novos soportes e canles dixitais (coas tecnoloxías de proximidade a eles asociadas) e unha determinada política cultural deu lugar ao xurdimento dunha etiqueta que, aínda que de difícil determinación, faría fortuna, a do Novo Cinema Galego (NCG)2, cunha serie de novos e novas cineastas de todos coñecidos (Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Diana Toucedo, Lois Patiño, Xacio Baño, Xisela Franco, Marcos Nine, Eloy Enciso…) que contaban con ilustres precedentes nos anos anteriores polo vieiro do cinema máis alternativo, cando non directamente experimental (Alberte Pagán, Manuel Abad, Margarita Ledo, Ángel Rueda..), e que van convivir cunha terceira vía —por así dicir— moi heteroxénea, ben que orientada cara á ficción narrativa e mesmo ao cinema de xénero, mais non por iso menos independente (afastada en intereses, calidades e estética do cinema máis industrial), representada tanto por cineastas xa veteranos como Xavier Bermúdez, Ignacio Vilar —na súa máis recente etapa fílmica—, Jorge Coira ou Alfonso Zarauza, como por novos cineastas como Andrés Goteira e Anxos Fazáns. Todo o cal será complementado por outra serie de manifestacións non menos interesantes, que irían dende o cinema de okupación ata o sobranceiro traxecto seguido pola ficción televisiva galega dende a TVG dos anos 80 ata a súa actual presenza nas plataformas internacionais.

Pasaron, pois, moitas cousas nestes últimos vinte anos. E moitos son os artigos, estudos, libros e publicacións dixitais que foron abordando dende múltiples enfoques e perspectivas de análise tanto o noso cinema como o noso audiovisual en xeral. Cómpre sinalar entón que o feixe de textos que seguen a esta presentación achega un obxectivo menos ambicioso que os que conformaron aquel número do ano 2002, no sentido de se propor antes como un complemento útil e enriquecedor dalgunhas das obras que veñen de aparecer nos últimos anos (nomeadamente, a serie Para unha historia do cinema en lingua galega3, que publica Editorial Galaxia) que como un volume de carácter máis global como foi aquel.

Neste sentido, pareceunos moi pertinente comezar por repararmos nunha cuestión que non ten agromado de maneira clara nos moitos textos que nos últimos anos veñen de estudar e analizar o NCG e que faría referencia á súa determinación conceptual xa antes dese mes de xaneiro de 2010 no que o crítico, programador e produtor Martin Pawley cuñaba, coa complicidade de Xurxo González e José Manuel Sande, a amentada etiqueta4. Trataríase da marca “mundo paralelo” que se propoñía, con tres anos de anterioridade, nun artigo, “O mundo paralelo existe”, publicado pola Axencia Audiovisual Galega (desaparecida en 2009 coa chegada de Feijóo ao poder e a creación da AGADIC), coa que se abordaba a obra alternativa e afastada do mainstream dunha serie de cineastas galegos dos anos anteriores como Ignacio Pardo, Alberte Pagán, Juan Lesta (os tres pertencentes ao ámbito experimental), Mario Iglesias (na ficción) e Margarita Ledo (no documentario) e, asemade, sinalábase a irrupción “dun feixe de novos creadores das xeracións emerxentes” que traballaban á marxe do sector audiovisual “convencional” e que estaban a ser apoiados e promovidos dende a AAG. Daquela, optamos por recorrer a quen foi o seu director, Manolo González, para que nos axudase a facer xustiza histórica con aquel primeiro concepto e que desenvolvese as súas orixes, características e percorrido.

Non menos necesario resultaba poñer ao día o contexto empresarial, industrial, artístico e mediático dun sector tan importante nas últimas décadas dentro do audiovisual galego como é o da ficción seriada. De maneira que un verdadeiro especialista nesta cuestión como Cibrán Tenreiro Uzal procedeu, nun admirábel traballo de síntese, a trazar un completo percorrido que parte dos comezos da produción de series propias por parte da TVG (que non chegan ata mediados da década de 1990) ata a súa actual presenza —e éxito— en plataformas estatais e internacionais como Movistar+, Netflix, Amazon Prime Video ou HBO, proceso que chamou moito a atención dende fóra —ata o punto de se cuñar un termo como o de Galician noir e mesmo se chega a falar dun Bollywood da produción televisiva española— pero que asemade presenta unha serie de problemas e contradicións que unha plataforma como SOS Ficción en Galego (xurdida en 2021) está a encargarse de sinalar e denunciar.

A incorporación da perspectiva de xénero nos estudos centrados no sector cinematográfico e, por extensión, audiovisual, constitúe, como se sabe, unha das liñas sobranceiras das investigacións desenvolvidas neste eido nos últimos anos. Unha liña tamén presente, como non podía ser doutra maneira, na produción científica do noso país, que ten no estudo colectivo A representatividade e a representación das mulleres no audiovisual galego. Ficción 2020, un dos seus máis recentes resultados, polo que non dubidamos en ofrecer á coordinadora dese traballo, Mariana Carballal, un espazo no que puidese traernos os aspectos máis destacables da investigación desenvolvida, así como as conclusións que se derivan da mesma, algunhas delas bastante rechamantes.

Pecha este monográfico un moi suxestivo texto a cargo de José Luis Castro de Paz e Héctor Paz Otero no que, partindo do concepto freudiano de “pulsión” (Trieb) e recorrendo ás ferramentas metodolóxicas da análise fílmica textual, proceden a detectar e explicar os “camiños do circuíto pulsional e, en última instancia, os tristes avatares do desexo” en cinco salientables filmes da nosa produción máis recente —analizados por orde cronolóxica— de certo singulares, ben que cada un dun xeito moi diferente, sorte de ficcións pulsionais que representan moi ben unha significativa vertente do NCG. Trátase de O ouro do tempo (Xabier Bermúdez, 2013), A esmorga (Ignacio Vilar, 2014), Doghs (Andrés Goteira, 2017), Trote (Xacio Baño, 2018) e mais un filme-suceso como foi O que arde (Oliver Laxe, 2019). Coidamos que estes catro artigos que aquí presentamos constitúen (e volvemos ao comezo deste texto) achegas necesarias e valiosas que veñen sumarse ás que se están a realizar nos últimos anos ao noso audiovisual contemporáneo, constituído por unha produción en conxunto valiosa, pero tamén sumida no paradoxo, cunha emerxente cinematografía cada vez máis recoñecida (se pensamos en premios e en termos de prestixio crítico) mais que, en conxunto, aínda vive en boa medida naquel mundo paralelo ao que se referían na Axencia Audiovisual Galega (no sentido de seguir moi vinculada a determinados circuítos de exhibición/difusión: festivais, certo tipo de salas, filmotecas, museos de arte contemporánea, cineclubs), que convive cunha produción seriada de vocación eminentemente narrativa presente nas máis importantes plataformas (isto é, foi quen de acceder a elas) e que empeza a ser coñecida en todo o mundo

NOTAS

  1. Referímonos ás obras de José Luis Castro de Paz (coord.), Historia do Cine en Galicia (Perillo-Oleiros, Vía Láctea Editorial, 1996); Xosé Noguei- ra, O cine en Galicia (Vigo, Edicións A Nosa Terra, 1997); e Eduardo Galán, O bosque inanimado. Cen anos de cine en Galicia (Centro Galego de Artes da Imaxe-Xunta de Galicia, 1997), que tiñan como precedentes máis salientábeis os estudos publicados na década anterior de Emilio Carlos García Fernández, Historia del cine en Galicia (1896-1984) (A Coruña, La Voz de Galicia, 1985) e José M.ª Folgar de la Calle, El espectáculo cine- matográfico en Galicia (1896-1920) (Universidade de Santiago de Com- postela, 1987).
  2. Tanta fortuna que mesmo sería copiada por outras manifestacións artísticas contemporáneas do noso país. Así, por exemplo, o colectivo Nova Escultura Galega (NEG).
  3. Conformada, ata o de agora, polos volumes coordinados por Margarita Ledo Andión (Marcas na paisaxe, 2018; A foresta e as árbores, 2019; De illas e sereas, 2020) e Xosé Nogueira (Lume na periferia, 2021).
  4. V. Martin Pawley, “2010, o ano de Novo Cinema Galego”, Xornal de Gali- cia, 02-01-2010. Dispoñíbel en http://actodeprimavera.blogspot.com/2010/01/2010-o-ano-do-novo-cinema-galego.html