O galego: no punto de inflexión?
Henrique Monteagudo
Galicia é a comunidade europea con maior arraigo dunha lingua minorizada. Máis do 95 por cento dos galegos declaran entender o idioma do país e arredor do 90 por cento afirman saber falalo. Catro de cada dez téñeno como lingua inicial, por tres de cada dez que teñen o castelán e un de cada catro que aprenderon a falar nos dous idiomas. De cada dez galegos, catro alternan o uso das dúas linguas no día a día, tres falan só en galego e dous só en castelán. Claro está que por debaixo desas cifras se agochan fondos desequilibrios, pois a distribución do uso das dúas linguas é moi desigual segundo o status social e o lugar de residencia. Con todo, o máis preocupante de cara ao futuro é a drástica minorización do galego nos grupos máis novos. Sobre estes se coloca o foco dunha boa parte dos traballos do dossier deste número de GRIAL.
Corenta anos de autonomía e trinta e cinco de Lei de normalización lingüística non conseguiron reverter a perda de falantes do idioma, e hoxe a xente nova en teoría sabe máis e mellor galego ca nunca, pero na práctica fálao menos e peor cá xente maior. As presións contextuais fan que a converxencia cara ao castelán e o cambio a prol deste sexan as alternativas máis fáciles e “naturais” para os e as galego falantes. De maneira inversa, os condicionamentos ambientais son en xeral pouco propicios ou abertamente adversos para que os e as castelanfalantes desenvolvan prácticas lingüísticas en galego, de maneira que estas esixen unha motivación individual moito maior que aquelas. De máis a máis, a viraxe regresiva da política lingüística e dos discursos públicos sobre as linguas en Galicia e en España constatada a partir de 2009 tivo uns efectos demoledores, ao provocar a (re)activación de prexuízos estigmatizadores cara ao galego e os seus falantes, un incremento da desigualdade e a creación dun clima de resentimento entre os distintos grupos sociolingüísticos. Porén, nos últimos tempos, talvez como reacción ante o desgaste do neoliberalismo e o auxe da extrema dereita ultra-españolista, estes discursos están mudando nun sentido máis favorable, ao tempo que en sectores significativos da mocidade se deixa sentir unha nova corrente reivindicativa do idioma do país. Así mesmo, no seo das correntes galeguistas estase verificando unha notable mudanza de estratexias, e adóptanse outras máis eficaces para chegar a sectores sociais amplos. Sorprendentemente por primeira vez, a macro-enquisa do IGE 2018 non recolle un retroceso do uso do galego, senón un estancamento do proceso de substitución. Será isto o anuncio dun cambio de tendencia esperanzador? O tempo dirá.
De certo, o idioma propio de Galicia —propio porque aquí naceu— continúa a ser a lingua minorizada de Europa cunha porcentaxe maior de falantes sobre o conxunto da poboación. Pero para non perdermos esta honrosa situación cómpre que reflexionemos todos e cada un dos cidadáns e cidadás, e moi especialmente os responsables políticos e institucionais se estamos facendo todo o posible e o necesario —o imprescindible— para que as persoas galegofalantes, desde a súa infancia ata súa vida adulta, nos lugares de estudo e de traballo e nos ámbitos de lecer, nas diferentes facetas da súa vida diaria, poidan desenvolverse en liberdade e en igualdade. Que non se fixo? Que se fixo mal? Que se puido facer mellor? E, sobre todo: que resta por facer? Os traballos que ofrecemos, sine ira et studio, pretender botar algo de luz para atoparmos respostas a estes interrogantes.
____
Editorial: Galaxia 2022
Idioma: Galego