Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

OS CADERNOS ESCOLARES DA II REPÚBLICA

por VV. AA.
€22,90
ISBN 9788418567308

Un documento único sobre a pedagoxía galega nos anos da Segunda República. A descuberta dos cadernos escolares do mestre de Teo (A Coruña) Bernardo Mato Castro (asasinado polos fascistas en 1936), elaborados polo seu alumno Antonio Rial Gallego, permítenos coñecer o traballo desenvolvido nas aulas naqueles días tan cheos de esperanza e innovación no eido educativo, e que tan pouco durarían...
Dous historiadores, especialistas en memoria democrática, Miguel Paz Cabo e Víctor M. Santidrián Arias, levan a cabo un detido estudo destes cadernos, dos que aquí se reproducen máis de cen páxinas. Ofrécennos unha análise do ensino na II República, do labor de Bernardo Mato como mestre e como militante, e do seu dramático final, con reveladores documentos como o propio «Expediente de Depuración» do docente.

A II República española a través dos cadernos escolares dun mestre rural galego asasinado polos fascistas.

A Coruña.- Bernardo Mato Castro morreu o 4 de setembro de 1936, un mes despois de que unha manda de falanxistas o atopase nunha pequena balsa nun río do seu pobo, en Galicia. Fuxía do horror fascista que se desatou na comarca tras o golpe de estado de xullo de 1936. Déronlle unha malleira brutal e deixárono tirado, moribundo, na cuneta dun camiño a beiras do río.

Era un home enxoito e fráxil. Polo menos ese parece nas fotos que quedan del. Aínda que a súa muller, Avelina Sanmartín, e toda a súa familia, coidárono durante semanas, non puido superar as feridas que lle causaran. Sobre todo a fractura no cranio que lle provocaron a golpes e que fixo que pasara en coma os últimos días da súa vida.

Bernardo Mato era mestre de pobo. Ensinaba aos nenos dunha escoliña do municipio de Teo, á beira de Santiago. Facíao un modo tan fermoso, próximo e sinxelo que aínda hoxe podería parecer revolucionario.

Era católico declarado e republicano confeso, e cría firmemente na educación pública como ferramenta esencial para que os humildes puidesen mellorar as súas condicións de vida. Tamén para que foran conscientes da clase á que pertencían naquel sistema, da súa capacidade para combater a opresión e a explotación polos seus propios medios. Deixouno escrito nuns artigos na prensa da época. Seguramente por iso o mataron.

Alvarellos Editora, fundada hai 45 anos en Lugo, acaba de publicar unha edición facsimiliar dos cadernos escolares de Antonio Rial, un dos alumnos de Mato, acompañada dunha análise histórica e pedagóxica a cargo de Víctor Santidrián, historiador experto en memoria histórica, e de Miguel Paz, mestre e autor doutras obras sobre a represión franquista en Galicia.

«A nosa editorial está moi comprometida coa memoria histórica«», resume Henrique Alvarellos, responsable da compañía. «»Publicamos máis de 30 títulos sobre ese tema nestes últimos 12 anos. Cremos que é tamén a nosa responsabilidade como editora galega facer modestamente o que está pendente no Estado: impulsar o coñecemento e a dignificación das vítimas do franquismo», subliña.

Para Víctor Santidrián, Mato era «un galego prototípico da época». «Era de orixe humilde, estudou nun seminario, emigrou a Cuba para gañar a vida e á volta implicouse na vida sociopolítica do país e no sistema educativo público que estaba a implantar a II República», engade

Paz e Santidrián atopáronse cos cadernos case de casualidade, nun exercicio de «arqueoloxía de rocho». A morte prematura de Rial fixo que a súa irmá conservase os cadernos de Antonio por unha cuestión sentimental, e eles deron con ela seguindo a pista doutro represaliado. «Ás veces os rochos esconden xoias», resume Paz.

«Ao contrario doutros documentos históricos, cuxos autores coñecen a súa transcendencia histórica, un caderno escolar non se pensa a longo prazo. É espontáneo, e contén elementos moi valiosos para analizar o contexto histórico dunha época», contan os historiadores.

Os alumnos de Bernardo Mato aprendían a coñecer o mundo e o universo desde a súa propia contorna. O mestre explicáballes a relevancia dos apeiros de labranza e do enxoval de cociña que usan a diario os seus pais e as súas nais, e animábaos a que debuxasen como estaba distribuída a súa casa, a súa pequena leira. Que camiños tiñan que seguir e que regatos habían de cruzar para chegar á escola. Logo seguía coa localización da súa aldea no mapa da súa comarca, a desta no de Galicia, a de Galicia en España, a de España en Europa, a de Europa no mundo, o mundo no Sistema Solar, o Sistema Solar no Universo.

«Bernardo basea o seu sistema na educación de proximidade. Instrúe para advertir a importancia de entender a súa contorna máis próxima para comprender outros conceptos que, se non, poderían resultarlles alleos. Anímaos a comprender a cultura desde o máis próximo. Que se iso era revolucionario? Daquela desde logo que o era, como o era o cambio de sistema educativo que se impulsou desde os primeiros anos da II República», afirman Paz e Santidrián.

Entre 1924 e 1933, case se duplicou o número de escolas públicas de ensino primario en Galicia. O número de mestres e mestras pasou de menos de 24.000 a máis da 35.500, e a taxa de alfabetización, do do 34,8% de 1900 ao 67,6% en 1931. «A Institución Libre de Ensino, o Rexeneracionismo, a creación en 1900 do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes, a asunción polo Estado ao ano seguinte do soldo equiparado de mestres e mestras (…) son causa e efecto deses cambios«», sinalan.

Segundo os historiadores, aquelas medidas de xustiza social que compartiu e desenvolveu Bernardo Mato nunha aldea galega eran unha verdadeira ameaza ao stablishment da época. «Os golpistas déronse conta de que a escola pública e a universalización da educación eran unha ameaza para un sistema que en Galicia se articulaba en torno ao caciquismo», subliña Miguel Paz.

En xullo 1936, un retén de falanxistas achegouse ao domicilio de Bernardo Mato. Un dos seus mando conversou con el no seu despacho durante unhas horas. Un mes despois matárono.

«Non lle tocaba morrer. El non era un revolucionario. Pero os que o asasinaron .talvez pensaron que as súas ideas eran demasiado perigosas», di Paz.

En Galicia non houbo guerra civil. Os franquistas fixéronse co territorio en poucas semanas. Algúns historiadores estiman que a represión desatada tras o golpe custou máis de 3.500 vidas en apenas uns meses, aínda que outros elevan esa cifra a máis de 15.000. «Foi un verdadeiro holocausto», advirte Santidrián.

Entre as vítimas daquel xenocidio de xente honrada, solidaria e boa estaba aquel mestre nado nunha aldea da Estrada (Pontevedra) que animaba aos seus alumnos a enorgullecerse de coñecer e estudar a contorna no que vivían para atreverse a coñecer o mundo a partir del. Quen sabe que sería hoxe da educación en España se a el e a outros tantos como el non o aniquilase o fascismo?. «Corenta anos de manipulación ideolóxica son moitos anos como para poder facerse unha idea», conclúe Miguel Paz.

Juan Oliver. Luzes-Público 28/11/2022

____

Editorial: ALVARELLOS 10-2022
Idioma: Galego