No ano 2012 saíu do prelo o libro colectivo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), convertido agora en primeiro dunha obra en dous volumes, ambos compilados por Ramón Máiz. O primeiro volume recollía 28 textos elaborados para ser presentados e debatidos en sesións periódicas que se desenvolveron no Consello da Cultura Galega ata 2010. Este segundo volume reúne 24 contribucións producidas, no mesmo ciclo e contexto, durante os anos 2010-2017. Recolle un debate coral, co contributo de vinte e cinco intelectuais que poñen o foco sobre o concepto plural de cultura para nos mostraren con olladas diversas as moitas maneiras de entendela, e as súas implicacións. Parten xa de inicio de que o concepto de cultura non é nin estático nin atemporal, pois está en constante mutación diacrónica e diatópica, transformándose ao fío da globalización e das mobilizacións arredor do pluralismo cultural, abalando entre o individualismo e o comunitarismo. A galería de textos ábrese co capítulo de Ramón Máiz, «Cultura, sentido e política», que tamén dá título ao volume, para situar o marco teórico das reflexións sobre as mudanzas actuais do concepto, á luz das tendencias e avances da ciencia social contemporánea.