UNIVERSO CANTIGAS 01. AMOR
Este traballo foi levado a cabo polos docentes da UDC e investigadores do Grupo ILLA (Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega) Manuel Ferreiro Fernández e Leticia Eirín García, así como por Mariña Arbor Aldea, da Universidade de Santiago de Compostela; e Bieito Arias Freixedo, da Universidade de Vigo; baixo a coordinación de Ferreiro, e recolle por vez primeira a edición crítica das 704 cantigas de amor transmitidas polos principais cancioneiros medievais: o da Ajuda, o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana.
As cantigas de amor
As cantigas de amor constitúen unha modalidade poética da escola galego-portuguesa que se encadra no que a crítica denomina ‘canto cortés’. Xurdido en e para o ámbito aristocrático, o canto cortés vertébrase en torno ao que se coñece como a metáfora feudal, consistente na interpretación da relación amorosa como un trasunto do vínculo recíproco que se estabelecía entre un vasalo e o seu señor feudal. Esta modalidade poética da canción cortés xurdiu e triunfou inicialmente nas cortes señoriais da Occitania nos inicios do século XII, e, con posterioridade, noutras cortes europeas de Francia, Alemaña, Italia e da Península Ibérica, onde había xermolos poéticos autóctonos sobre os que se afianzaría esta nova poética.
Talvez o trazo máis definitorio das cantigas de amor é o feito de o sentimento vehiculado non ser recíproco: ao contrario do señor que se comprometía a amparar o vasalo e a corresponderlle (fazer ben) polo servizo prestado, a dama pretendida de amores, a senhor, non faz ben ao poeta namorado que a serve, non lle corresponde, non o acepta como seu vasalo. Isto é causa dun inmenso sufrimento (coita) que o levará sen remisión á morte –finxida, poética–, en evidente contraste co gozo da poesía occitana (joi), en que a correspondencia amorosa por parte da dama era unha variante relativamente frecuente. Trátase, ademais, dun amor a primeira vista, que entra polos ollos desde o intre en que se contempla a fermosura da muller, seguindo o topos clásico ovidiano moi difundido a través de Andrea Capellanus e do seu De amore, que constitúe o ‘tratado’ por excelencia desta poesía amorosa. Ver = amar = sufrir/morrer: velaí o esquema máis básico que é común á inmensa maioría das cantigas de amor, que tratan en diferentes combinacións, doses e distribucións, unha serie de temas xerais de uso obrigado e sempre desde unha perspectiva hiperbólica que os magnifica: trátase dun amor forzado derivado da primeira visión dunha muller de fermosura inefábel; un amor imposíbel non correspondido, gardado en segredo mesmo á propia dama que o desencadea, que xunto co afastamento e a imposibilidade de ver a amada e de lle poder falar é causa dun inmenso sufrimento, a coita, que culmina na morte. O paradoxo, concretamente a idea do ben como orixe do mal, é outra das figuras recorrentes nas cantigas de amor.
A poética medieval, e en particular a das cantigas de amor, desenvólvese en dous sentidos. Ao usar os temas e motivos obrigados pola tradición, todos os trobadores contribúen para o fortalecemento do paradigma, de xeito que pode afirmarse que as máis de seis centenas de cantigas de amor constitúen un macrotexto elaborado entre todos os autores que cultivaron este xénero e disto resulta un isomorfismo xenérico (Tavani 1986: 96-104) que, nunha lectura superficial, podería dar lugar a unha percepción de monotonía.
Mais, por outra parte, a orixinalidade e a individualidade poética procurábase en maior ou menor medida tratando con variacións e modulacións de matiz os temas obrigados pola tradición (Zumthor 1972: 79-82). O trobador pontevedrés Paai Gomez Charinho, por fornecer un exemplo, trata de forma personalísima o motivo obrigado da coita de amor ao estabelecer unha comparación entre esta e os sufrimentos causados polo mar, a coita do mar que el coñecía pola súa condición de almirante
A poesía profana. Xéneros
As cantigas de amor.
As cantigas de amigo.
As cantigas de escarnio e maldizer.
____
Editorial: UN. da Coruña 04- 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 911
CANTIGAS MEDIEVAIS
MÚSICA
MÚSICA POPULAR
POESÍA
CANTIGAS DE AMOR
GALEGO-PORTUGUESAS