Abrimos as páxinas deste novo número de Murguía, Revista Galega de Historia coa transcrición e análise do testamento de Pedro Varela, escudeiro e señor da Casa de Dubra, falecido no ano 1424, que publicamos na sección Fontes. Esta contribución asínaa o investigador Fernando Dopico Blanco. A seguir reprodúcese a laudatio que pronunciou o profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez en recoñecemento do catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi, e a seguir reproducimos a resposta deste último, palabras pronunciadas na presentación do libro Justo Beramendi. Galego por elección, obra editada polo Museo do Pobo Galego, en cuxas instalacións se desenvolveu o acto de homenaxe o 14 de xullo de 2022.
Na sección Investigacións a historiadora Concepción Álvarez Pousa presenta unha síntese que nos achega un percorrido pola Terra de Viana do Bolo desde a cultura castrexa até a Idade Contemporánea. A seguir, a investigadora predoutoral Mª Aurora Pérez–Carro y Fole completa neste volume a súa achega sobre a subida ao poder e caída de Miguel Primo de Rivera, centrándose sucintamente na relación do ditador coa intelectualidade galega do momento. O prolífico investigador Carlos Méixome achéganos, con total detalle, á tournée galega de José Calvo Sotelo, José Antonio Primo de Rivera e o Conde de Guadalhorce no verán de 1930, tras a dimisión de Miguel Primo de Rivera á fronte do Directorio, e diante da creación da Unión Monárquica Nacional. A veterana investigadora, e catedrática xubilada da Universidade de Santiago de Compostela, Aurora Marco, pon en valor a seguir a figura de María Amado Otero, descoñecida resistente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro. Pecha esta sección Xosé Luís Barreiro Barreiro, catedrático emérito de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, cun texto sobre a obra do teólogo e filósofo Victorino Pérez Prieto.
Na sección Lembranzas quixemos recordar, da man do historiador Prudencio Viveiro Mogo, a figura de Aurelio Ribalta, e, a través del, a de Manuel M. Murguía, a partir dun artigo publicado a finais do ano 1893 no xornal ourensán La Defensa de Galicia.
A continuación, no espazo A Entrevista Miguel García-Fernández conversa con Lucía Pereira Pardo, investigadora posdoutoral Ramón y Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.
En Museos, Arquivos, Bibliotecas e Lugares visitamos o Museo Marítimo de Esposende, presentando na sección Lecturas tres obras de grande interese, como son As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades, de Xosé Miguel Andrade Cernadas, catedrático de historia medieval da USC; Joaquín Vaamonde Cornide. Un pintor galego con éxito internacional a finais do século XIX do historiador Perfecto Ramos Rodríguez e A Transición en Galiza, volume colectivo do que é coordinador e coautor Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, desde a que se impulsou este libro.
Para pechar as páxinas deste número de Murguía, Revista Galega de Historia, o medievalista Miguel García-Fernández presenta na sección A Rede tres repositorios dixitais para acceder a fontes históricas e recursos bibliográficos, nomeadamente Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, Biblioteca Virtual de Prensa Histórica e Europeana.
____
Editorial: Instituto Galego Historia 07-2024
Idioma: Galego