
Sabes as dúas formas do participio do verbo erguer? E a árbore que dá as cereixas? Tal vez se che dea mellor a xeografía: en que concello se atopa o Monte Aloia? Se cres que poderías responder de forma axeitada, quizás esteas xa preparado para xogar ao Arume Xogal. E que é o Arume Xogal? Un xogo de mesa, coñecido tamén coma “O trivial galego” Arume Xogal está destinado a “calquera persoa con inquedanza por ampliar o seu coñecemento de Galicia dunha maneira sinxela e divertida”. Supoño que finalmente, os escritores galegos son os que son (os que estudamos) e os principais acontecementos históricos son os que nos ensinaron na escola. A competitividade (lúdica) sempre lle dá un plus a iso de aprender cousas que, ou ben nunca soubemos, ou ben están esquecidas. En canto ao mecanismo do xogo, consiste en completar o percorrido definido por un petroglifo, avanzando a medida que se responden preguntas do tema que toque. Todo o xogo utiliza unha simboloxía celta, e así, por exemplo, o dolmen representa as cuestións de arte, o torque as de historia e o arume as de lingua e literatura. Persoalmente, introduciría un pequeno cambio, porque non hai nada máis aburrido que que alguén responda correctamente unha pregunta e siga xogando eternamente mentres ti esperas a túa quenda para, ai maldición, fallar xa á primeira. Así que eu prefiro xogar a contar tarxetas acertadas que ao que chegue primeiro á meta, pero en fin, cada un xoga coas normas da casa!
____