Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

A DIVINA COMEDIA

Prezo orixinal €40,00
Prezo actual €38,00
ISBN 9788493855635
A tradución d'A Divina Comedia ao galego realizada por Darío Xohán Cabana  está considerada unha das maiores fitas históricas e filolóxicas da tradución literaria en Galicia. O escritor lugués dedicou décadas ao estudo do medievo italiano, deixando un legado que consagrou o galego como unha lingua totalmente apta para acoller os ritmos máis complexos da poesía universal.
O proxecto non tivo unha, senón dúas grandes etapas de edición histórica:
1. A primeira tradución (1990): Medalla de Ouro de Florencia
  • O fito: Publicada en 1990 polo Servizo Central de Publicacións da Xunta de Galicia, supuxo a primeira vez que a obra mestra de Dante Alighieri se puido ler de xeito íntegro en lingua galega. 
  • Acompañamento artístico: Esta primeira edición en formato grande contou coas prestixiosas ilustracións do pintor Xosé Luís de Dios. 
  • O recoñecemento internacional: En 1991, o Concello de Florencia outorgoulle a Darío Xohán Cabana a Medalla de Ouro da cidade. Na súa exposición de motivos, o xurado internacional definiuna literalmente como "a mellor tradución ata o de agora dispoñible na área galego-portuguesa-brasileira".
2. A "Nova Tradución" (2014): O traballo obsesivo
  • Unha obra nova:  En outubro de 2014, Edicións da Curuxa lanzou unha versión completamente renovada polo propio Cabana. 
  • Modificación titánica: O tradutor confesou no prólogo que fose froito dun traballo "continuo e obsesivo" de tres anos. Dos 14.233 versos do poema orixinal de Dante, uns 7.000 versos foron rescritos e modificados de arriba a abaixo respecto á versión de 1990 para puír o ritmo e a fidelidade métrica. 
  • Formato bilingüe e crítico: A diferenza da primeira, esta presentouse nun volume bilingüe, máis manexable para o lector, e cunha extensa introdución ("Vida de Dante" e "A Divina Comedia") chea de notas críticas a pé de páxina feitas polo propio autor. 
CRÍTICA ESPECIALIZADA
A crítica especializada sempre louvou que Darío Xohán Cabana —quen tamén traduciu o Cancioneiro de Petrarca e a Vida Nova de Dante— logrou amestrar e dominar os versos italianos dende a riqueza do léxico galego. Soubo manter o respecto polo hendecasílabo orixinal sen que a linguaxe resultase artificial ou excesivamente arcaica para o lector de hoxe en día. 

 

A Divina Comedia en galego
Por Xosé Lois García, escritor. Sermos Galiza (18/03/2015).
 Dante Alighieri toma de novo repercusión e autoridade no noso idioma, nunha elaborada edición desas que impactan ao bo lector e que aporta Edicións da Curuxa (2014). De renovada tradución de Darío Xohán Cabana, cunha ampla e profunda introducción, partillada en dúas temáticas: “Vida de Dante” e “A Divina Comedia”, con extensas notas a lado de páxina, creando un ordenamento estético que define a este libro dentro dun cadro espacial moi definido dando rigor e singularidade a unha edición ben pensada e estructurada.
"Un extraordinario e doloroso traballo que cando se asume e verificamos seus logros e resultados convértese en legado permanente para futuras xeracións asentadas na nosa fala".
Cando dicimos nova tradución da Comedia de Dante ao galego referímonos á superación daqueloutra, a primeira que traduciu Darío Xohán Cabana, cuxo formato non era dos mais manexábeis para o lector. Nestas lides, Darío é un excelente conductor dos grandes monumentos da poesía clásica como é Dante, Petrarca e outros grandes poetas italianos que foron traducidos por el ao galego. Un extraordinario e doloroso traballo que cando se asume e verificamos seus logros e resultados convértese en legado permanente para futuras xeracións asentadas na nosa fala.
O mundo editorial galego tan descoidado en traduccións, Edicións a Curuxa asume e transcende na superación destas carencias. Sen tradución de linguas orixinais cara o noso idioma a normalización lingüística non é posíbel sen percibir as grandes e universais obras sen espallalas entre o lector galego. No campo das traduccións cara o galego, comeza agora unha xeira nada tímida de obras universais, por parte de persoas que se decatan que o idioma galego se continúa ausente na recepción de obras e autores con impacto global. Esta ausencia significa non só un agravio senón unha desconxuntura que descontextualízanos das esixencias que os novos tempos requiren. 
Nesta cuestión, as administracións implicadas na normalidade idiomática miraron cara outros horizontes, desentendéndose do vital que representan as traduccións para un país como o noso, que precisa dun renacer vital e  intenso. Unha literatura creativa e ordenada precisa doutras experiencias creativas onde a tradución pode e debe ampliar varios campos literarios. Lamentablemente, os lectores en galego temos que pasar polo aro do castelán cando leemos a un autor noutra lingua. Esta especie de colonialismo se non se percibe ocúltase para intensificar a desfeita, por parte de consabidas administracións. Nesta dirección, as editoriais galegas non foron capaces de crear estructuras nen fomentar un ambiente propicio para ofrecer ao lector esas grandes obras ao noso idioma.
"Sen tradución de linguas orixinais cara o noso idioma a normalización lingüística non é posíbel sen percibir as grandes e universais obras sen espallalas entre o lector galego". 
As traduccións de Darío Xohán Cabana veñen a cubrir un espacio esquecido e deostado, cuns autores e cunhas versións que nos colocan no inicio dos inicios que non deben ser vulnerados polos que estamos nas trincheiras defensivas da lingua. Cabana é dos primeiros que nos trouxo os clásicos do Renacemento italiano ao idioma galego. Un traballo incansábel e esgotador que, necesariamente, precisa das dádivas do lector para fomentar outras entregas que, tal vez, o Darío teña en mente.
No eido dos desequilibrios de traduccións que temos os galegos, a tradución de A Divina Comedia en  galego leva seiscentos anos de atraso con respecto ás edicións en catalán, velaquí algunhas referencias: Bernard Fabrer traduciu e publicou no século XV A Divina Comedia por primeira vez en catalán, en 1878 Cayetano Vidal aporta outra tradución, en 1908 Antoni Bulbena-Tosell publica outra tradución, en 1921 aparece a de Narcís Verdaguer i Callís, en 1950 sorprende a versión de Josep Maria de Segarra. Acompañan a estas traduccións, xa míticas, outras tantas de actualidade que encontramos nas librarías catalanas. É así como se engrandece unha lingua e un país. Digamos de paso, que as editoriais catalanas, nos inicios do Modernisme e do Noucentisme, publicaron a tódolos clásicos, gregos e latinos; os grandes clásicos e modernos europeos e, aínda, a tódolos autores cristiáns da Patrística. Toda unha referencia para ser entendida en clave de país normalizado.
Os que leemos A Divina Comedia en versión castelán e portuguesa, cando un lee a versión galega de Darío Xohán Cabana non deixa de admirar todo ese tecido que non se desfigura do texto orixinal, engrandecendo a este. Un texto que nos fai comprender os tempos e os espazos polos que Dante Alighieri concentrou apoteóticos conceptos sobre as adversidades e conflictos da última metade do Século XIII e das primeiras décadas do XIV –período en que compón a Divina Comedia-. Nos tres iniciais versos do Canto Primeiro do “Inferno”, na versión de Cabana leemos: “No medio do camiño desta vida // acheime dentro dunha selva escura, // que a recta vía fora confundida”. 
"Unha tradución inxente que nos vén dun poeta notábel e escritor que cultiva diversas xéneros expresivos na literatura galega".
Como vén anota Darío, sobre estes versos: “A selva escura figura un período de extravío moral”. Versos que anuncian a decadencia medieval e o renacer dunha nova e esplendorosa época. Estas adversidades que anunciaban cambios as detectaron os grandes poetas, mais que os belixerantes dirixentes políticos e relixiosos. Na lírica galega medieval do século XIII, Airas Nunes, case contemporáneo de Dante, detectou eses tránsitos na vida social e moral que lle tocou vivir en Compostela, neste anunciado: “Porque no mundo mengou a verdade // puñei un dia de a ir buscar, // (...) Nos mosteiros dos frades regrados // a demandei, e dis[s]eron-m assi: // “Non a busquedes vós a verdade aquí// (...) outro camiño conven a buscar, // ca non saben aquí d’ela mandado”. Dúas versións ben concertadas sobre o cambio de época, a nova verdade de Nunes e o camiño escuro e temeroso de Dante anunciaron novas vías: axuste e renovo de época.
Unha tradución inxente que nos vén dun poeta notábel e escritor que cultiva diversas xéneros expresivos na literatura galega. A Comedia de Dante, en versión galega, achéganos ás grandes obras universais que deben ter presenza e cabida no noso idioma. Volver a Dante non deixa de ser un renovo gratificante.

Palabras maiores
X. L. Méndez Ferrín O Faro de Vigo 4.11.2013
A cidade de Lugo foi chamada augusta (ou de Augusto), aínda que xa non recibe tal honor. Recíbeno as Torres de Oeste, como observa Sarmiento con moito tino; pero non é o caso para agora ser tratado. Augusta, como adxectivo corrente e actual, acáelle moi ben á obra literaria de Darío Xohán Cabana Ianes.
De estilo grandioso, que sabe reducirse ao detallismo minimalizante, e mesmo ao silencio elocuente, a producción novelística, poética, ensaística, deste escritor de Terra Cha propiamente dita é un espazo liberado, como dicía o outro, do noso País. Debemos dar as grazas ao Destino por que determinou que o escritor se cruzase connosco nos camiños da vida e fose dos amigos. - moitas mercedes a ese mesmo Sino por obrigar o Darío a escribir obras grandes e abondantes nun galego que multiplicou para todos nós a súa munificencia.
Pero Darío Xohán Cabana quixo tamén traducirnos obras alleas e de tempos idos: tamén augustas. Seguiu el o camiño doutro importante autor: Álvaro Cunqueiro. Este verteu para o galego centos de poemas desde varias linguas de Europa, co que contribuiu a que os poetas de acó fósemos máis curiosos e máis viaxeiros nas nosas frecuentacións de distintos exotismos.

Darío foi máis alá. Foi ao Dante, e puxo a Comedia e mais outras páxinas de autor en galego. Dante en galego por Darío fai o efecto como que, nunha fúlgura alucinatoria, o Arno e a Arnoia confluisen manselín. No desamarre do Quixote, o crego censor determinou que a poesía non podía ser traducida en verso. O mentís que lle dá Darío a Cervantes é estrepitoso.

Como esquencer a monumental intervención do noso traductor na poesía dos Mestres de Occitania que, pola súa voz, cantan en galego xentil e en dúas modulacións cada un? - que decir do Cancioneiro do Petrarca en galego direito? Falando en ríos, eu fólgome moito ao ler no galego de Darío como o Petrarca se refire ao Sorga provenzal que tamén é o río de eu pillar as troitas con rede na miña infancia.

Así, sen esquencer Os Tres Mosqueteiros, a mellor novela de aventuras do mundo despois da Odisea e o Amadís. Foi chamado Darío Xohan Cabana a Italia para facer memoria do Dante. Ao regreso, Darío recibiu homenaxe en Lugo da Asociación de Traductores.


____
Editorial: EDICIONS DA CURUXA 2014
Idioma: Bilingúe
Páxinas: 766