Onni Rellonen, un home de negocios golpeado pola vida, e o coronel Hermanni Kemppainen, oficial frustrado, atópanse nunha vella pallota, ambos co mesmo propósito de suicidarse. Tras o estraño encontro deciden levar a cabo un plan: xuntar todas as persoas do país que están pensando en suicidarse e pasar os seus últimos días no grupo axeitado.
Paasilinna trata a sombría cuestión do suicidio co seu inconfundible sentido do humor, para amosarnos que, malia todo, a vida sempre paga a pena.
Traducido por Tomás González Ahola, Tuula Ahola.
Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942-2018) foi gardamontes, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vendía por milleiros.
A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes e mulleres finlandeses, algo anárquicos e individualistas.
Traducido xa a decenas de linguas, Rinoceronte publicou en galego O ano da lebre, O muiñeiro ouveador e O bosque dos raposos aforcados (este último tamén en novela gráfica).
Idioma: Galego