EN ESTE UN CANTAR FAREI. ESTUDOS SOBRE O UNIVERSO DAS CANTIGAS
- Transmisión e manuscritos: Analízanse as peculiaridades da transmisión manuscrita, a tradición codicolóxica e os cancioneiros medievais. Inclúe estudos de expertos notables como Henrique Monteagudo ou Mariña Arbor Aldea.
- Edición crítica e lingua: Abórdanse as dificultades de interpretación textual e as variantes lingüísticas (por exemplo, no refrán das cantigas), contando con achegas de investigadores como Manuel Ferreiro ou Ângela Correia.
- Xenealoxía e historia: Estúdase a xenealoxía dos trobadores e a contextualización histórica dalgúns autores concretos, como o trobador Estevan Travanca.
- O proxecto Dixital: O libro revisa e conecta directamente coas pescudas en curso de Universo Cantigas, unha gran plataforma científica que busca realizar a edición crítica dixital de toda a nosa lírica profana.
- Relectura contemporánea: Analízase a fonda pegada e as relecturas poéticas que o xénero de amigo mantén hoxe en día na poesía contemporánea galega, portuguesa e brasileira.
Historia y crítica de la literatura / Literatura en portugués / Literatura gallega / Siglos V-XV / Galicia / Portugal
Recolle once traballos que presentan aproximacións recentes ao estudo das cantigas medievais galego-portuguesas, e nomeadamente das pertencentes ao xénero de amigo. Focan aspectos tan fundamentais como as peculiaridades da transmisión manuscrita e codicolóxica das cantigas, a xenealoxía dos trobadores, a edición crítica dos textos, alén da revisión de proxectos en curso como Universo Cantigas ou de relecturas poéticas que se fixeron e fan do xénero de amigo nas poesías galega, portuguesa e brasileira contemporáneas.
Este volume insírese nunha tradición xa secular que se inaugura no último cuartel do século xix, momento en que comezaron a aparecer os primeiros estudos sobre a poesía medieval galego-portuguesa, consecuencia da (re)descuberta e posterior edición dos cancioneiros que nos transmitiron as cantigas profanas.
Aqueles iniciais e valiosos achegamentos sentaron as bases do que viría a ser, do que é nos nosos días, un amplo e prolífico ámbito de investigación centrado no común patrimonio literario galego-portugués, mais cuxos límites espaciais ou xeográficos —no que di respecto á procedencia ou filiación institucional das persoas investigadoras— transcende as fronteiras dese occidente peninsular en que se compuxeron as cantigas. Pensamos sobre todo en Italia, país que xa desde vello se constituíu en berce de importantes estudiosos que destinaron os seus traballos á poesía medieval galego-portuguesa, e aos que, en boa medida, debemos a pervivencia da nosa lírica; estamos a
aludir ao humanista Angelo Colocci, quen no século xvi encargou dúas copias
das cantigas, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Vaticana, testemuños responsábeis da transmisión dunha ampla parte dos textos que chegaron até nós.
En este son un cantar farei. Estudos sobre o universo das cantigas reflicte en boa medida, aínda que xa en pleno século xxi, estas mesmas dinámicas, ao reunir once contributos debidos a doce especialistas procedentes de Galiza (pertencentes á Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento DOI: https://doi.org/10.31819/9783968697604_20e Instituto da Lingua Galega), e tamén de Portugal (Universidade do Porto e Universidade de Lisboa) e de Italia (Istituto Opera del Vocabolario Italiano).
O título pretende aludir, en primeira instancia, á unión indivisíbel entre texto poético e texto musical que caracteriza o fenómeno trobadoresco, en canto o subtítulo apunta á amplitude e grandeza das cantigas galego-portuguesas como produto literario; por outra banda, alude tamén á magnitude dos estudos sobre a poesía medieval galego-portuguesa polos aspectos xa referidos, así como pola multiplicidade de disciplinas e temáticas que atinxe e das que precisa para a correcta análise e interpretación dunha escola poética que se desenvolveu aproximadamente entre inicios do século xiii e mediados do xiv, e que van da edición crítica aos estudos codicolóxicos, pasando polos estudos lingüisticos e literarios, a retórica, a historia, a paleografía etc.
Neste sentido, os traballos que recolle este volume presentan aproximacións recentes ao estudo das cantigas medievais galego-portuguesas, e nomeadamente das pertencentes ao xénero de amigo. Focan aspectos tan fundamentais como as peculiaridades da transmisión manuscrita e codicolóxica das cantigas, a xenealoxía dos trobadores, a edición crítica dos textos, ademais da revisión crítica de proxectos en curso como Universo Cantigas ou, entre
outros, das relecturas poéticas que se fixeron e fan do xénero de amigo nas poesías galega, portuguesa e brasileira contemporáneas.
Henrique Monteagudo abre o volume cunha contribución que, por súa vez, fai parte dunha serie que está a desenvolver a propósito dos cancioneiros trobadorescos, coa finalidade de deitar luz sobre o proceso de constitución da tradición manuscrita. Así, e en base a análises scriptolingüísticas e codicolóxicas, coloca a súa atención nun bloque que denomina «Colectánea galega», que recolle unha colección de materiais galegos de que farían parte tanto o «Cancioneiro dos clérigos» postulado por Tavani, canto o «Cancioneiro dos
xograres galegos» proposto por Resende de Oliveira. O seu traballo serve para deliminar o contido desa «Colectánea», ben como para diferenciar no seu interior os textos que corresponderían a un «Estrato tardío», atendendo non unicamente ás series de amor e de amigo —que si presentan unha certa organización—, senón tamén á satírica, a máis complexa das tres, debido a que moitas veces estas composicións aparecen interpoladas na colectánea ou copiadas en diversos lugares da sección satírica.
Tamén o ensaio de Mariña Arbor está situado no ámbito da codicoloxía e da crítica textual da poesía profana galego-portuguesa, e constitúe a primeira parte dunha análise que ten como finalidade entender como se constituíron os manuscritos que hoxe conservamos e que son froito da copia en momentos diversos de diferentes materiais de que non quedaron pegadas, mais que poden ser isolados a través do seu estudo. Esta primeira entrega está baseada nun Preámbulo a once estudos sobre o universo das cantigas 11
corpus que inclúe os textos UC 360-UC 382 —coincidentes cos primeiros
exemplares do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V) e cos seus homólogos
no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B)—, as notas de Colocci e as numeracións que acompañan a algunhas destas cantigas. Así, e en base a unha pormenorizada collatio interna, Arbor conclúe que os copistas de B e V non coñecían a lingua galega-portuguesa das cantigas que transcribían e que ambos manuscritos son códices irmáns que conducen para un antecedente común.
Ângela Correia, pola súa banda, parte da edición crítica de dúas cantigas de amigo de Vaasco Fernandez Praga de Sandin e de Don Denis para mostrar, a través das emendas suxeridas, que durante o século xxi será preciso continuar co regreso aos lugares críticos para recuperar os textos das deturpacións sufridas ao longo do tempo. Noutro sentido, introduce unha reflexión sobre o modelo habitual de edición crítica dos textos profanos galego-portugueses que, na súa opinión, debería evoluír —tanto as que se presentan en formato papel como as dixitais— para un tratamento menos vertical que permita o
aproveitamento transversal de toda a información fornecida. Alude, finalmente, a un segundo problema que vén dado polo feito de estas edicións estaren pensadas maioritariamente para seren lidas e revisadas por outros editores ou editoras.
En «Lingua e variación(s) nos refráns das cantigas profanas galego-portuguesas», Manuel Ferreiro cuestiona o característico «refrán inmóbil» das nosas cantigas medievais que tantas páxinas xerou nos estudos da lírica profana galego-portuguesa. Realiza unha revisión sistemática do corpus textual completo para acabar por confirmar a existencia de variación nunha porcentaxe significativa de estribillos, á vez que sistematiza as mudanzas que, de estrofa a estrofa, pode presentar: mudanzas na presentación formal ou na modulación expresiva pola súa integración na estrofa, cambios funcionais dalgunhas
partículas, cuestións gráfico-fonéticas, mudanzas condicionadas por sintaxe e/ou sentido etc. Isto demostra, por súa vez, que o refrán foi uniformizado ou anulada a súa variación na maior parte das edicións críticas, onde se aplicou de xeito ríxido esa suposta reiteración literal deste relevante elemento na composición textual das cantigas galego-portuguesas.
As lacunas, erros ou variantes son algúns exemplos de dificultades editoriais tratadas por Xosé Bieito Arias Freixedo no seu contributo, nese paso tan complexo que vai do manuscrito á edición crítica. Por medio do estudo de tres cantigas de amigo desde esta perspectiva —dúas delas pertencentes a Paai Soarez de Taveiroos e unha terceira de Gonçal’Eanes do Vinhal—, que lle permiten expor e analizar casos concretos e significativos, conclúe que os manuscritos, por veces, presentan dificultades editoriais, mais tamén que, sen existir a priori problemas de lectura ou de transmisión manuscrita, poden existir problemas na súa interpretación e edición. É por iso que, como o propio Arias
Freixedo expón, as metodoloxías que coloca ao noso dispor a edición crítica non sempre posibilitan chegar a unha conclusión sólida, de maneira que as opcións editoriais existentes deben ser claramente expostas.
O estudo integral das cantigas de amigo de Estevan Travanca é o traballo presentado por Leticia Eirín neste volume. Travanca, trobador de orixe portuguesa activo no terceiro cuartel do século xiii, é considerado un dos denominados «poetas menores» da poesía trobadoresca galego-portuguesa debido ao exiguo cancioneiro que chegou até nós, composto unicamente por catro cantigas pertencentes ao xénero de amigo e un texto de amor cuxa atribución continúa a ser cuestionada, mais que semella pertencer a Estevan Reimondo.
Así, e para alén da fixación textual das catro composicións de amigo, Eirín realiza unha análise retórica e literaria dos textos deste trobador menor, que teñen como temática fundamental a ausencia e a partida do amado.
Gema Vallín fai unha revisión da camisa na cantiga de amigo, que serve non unicamente para examinar as ocorrencias desta peza de vestimenta no xénero —que por veces acada connotacións simbólicas e íntimas ou apunta para comportamentos ou peticións un tanto indecorosas—, senón tamén para presentar unha interesante hipótese segundo a cal nas cantigas galego-portuguesas habería que diferenciar entre a camisa mozárabe (séculos ix e x) e a posterior camisa cristiá (século xiii), aínda que ambas acaban por se misturaren no noso corpus trobadoresco. No primeiro dos casos trataríase dun arcaísmo, habitual no xénero de amigo, que ademais entroncaría coa incorporación de elementos procedentes da antiga tradición oral da canción de muller.
Baixo o título «Genealogia das Cantigas de Amigo» José Carlos Ribeiro Miranda desenvolve unha proposta para este xénero que parte da metodoloxía seguida por D. Pedro, Conde de Barcelos, cando compila e ordena os textos de amigo na primeira metade do século xiv, en que privilexia a distinción social e a ordenación cronolóxica dos autores, á vez que identifica Fernan Rodriguez de Calheiros e Bernal de Bonaval como os máis antigos, pertencendo o primeiro ao ámbito dos cabaleiros, e o segundo aos non-nobres. Ribeiro
Miranda considera que cando se prepara unha edición das cantigas de amigo, para alén da ollada textual, debe imporse unha comprensión global do xénero que incorpore a tradición manuscrita e a información documental, de maneira que as cantigas de amigo deixen de seren afrontadas no seu estudo como un mero conxunto de medio millar de textos.
En «Quando con prazer, quando con pesar: appunti e pensieri di un filologo connivente», Pär Larson realiza unha avaliación crítica dun proxecto en andamento como é Universo Cantigas (UC), e nomeadamente da parte dedicada ás cantigas de amigo. Larson estabelece un cotexo inicial entre UC
Preámbulo a once estudos sobre o universo das cantigas 13 e outras bases de datos preexistentes da lírica medieval galego-portuguesa, ou mesmo corpora relacionados co ámbito italiano ou español, e continúa coas cantigas de amigo en UC, onde por unha parte acha un certo desequilibrio entre as notas lingüísticas e as literarias mais tamén valoriza cuestións como a posibilidade de acceder á transcrición paleográfica dos textos, a presenza
dos aparatos de variantes, os comentarios estilísticos e lingüísticos etc. Finalmente analiza catro casos concretos, catro cantigas de amigo pertencentes a Fernan Figueira de Lemos, Pero Mafaldo, Don Denis e Joan Perez d’Avoin.
Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel achegan no seu traballo conxunto unha suxestiva revisión crítica da figura máis coñecida entre as soldadeiras galego-portuguesas: María Balteira. Para alén de revisaren os traballos previos centrados nela e nun eventual cruzamento entre a soldadeira María Balteira e a nobre María Pérez —que xa deriva do traballo de Martínez Salazar do ano 1947—, poñen o foco na necesidade de ir alén do estudo das cantigas, e da imaxe probabelmente distorsionada que dela proxectan, e profundar na lectura da prosa documental que chegou até nós, especialmente a
ligada a institucións relixiosas do occidente peninsular como o mosteiro de Monfero. A finalidade, como é esperábel, é pór luz na súa figura histórica, tal vez grazas á edición de novas fontes documentais no marco de proxectos como o Escritorio Galego-Portugués Antigo (EGPA), que permitan tamén contribuír a definir unha imaxe máis veraz de María Balteira no imaxinario
histórico e popular de Galiza.
Os diálogos, apropiacións ou relecturas poéticas dos textos medievais galego-portugueses que desde as literaturas galega, portuguesa e brasileira se
veñen desenvolvendo ao longo dos séculos xx e xxi ocupan o estudo de Teresa
López, que se centra de maneira especial na cantiga de amigo como xénero
que representa de maneira máis xenuína o trobadorismo galego-portugués.
Así, e con base nunha selección de obras representativas, mostra como autores e autoras contemporáneas acudiron aos textos medievais con diferentes
finalidades, funcións ideolóxicas e vontades estéticas que, a grandes trazos,
derivan no neotrobadorismo galego, na intersección co saudosismo portugués
ou no vínculo co modernismo brasileiro, e que dá idea da relevancia e da forza
creativa que o común patrimonio literario galego-portugués continúa a ter e a
xerar nos nosos días.
Estas son as once investigacións que integran En este son un cantar farei. Estudos sobre o universo das cantigas. Con elas pretendemos contribuír a ampliar, desde o rigor filolóxico e tamén histórico, este campo de investigación, coa esperanza de abrir novos diálogos e percursos que engrandezan o xa vizoso ámbito do universo das cantigas galego-portuguesas.
Índice
Preámbulo a once estudos sobre o universo das cantigas .............................. 9
Leticia Eirín
Aintegración do «Cancioneiro dos Xograres Galegos» na Compilación Xeral
da lírica trobadoresca. Scriptolingüística, codicoloxía e tradición manuscrita... 15
Henrique Monteagudo
Notas sobre o antecedente (único?) de BV. Primeira cala.............................. 35
Mariña Arbor Aldea
A emenda de cantigas de amigo e o modelo de edição crítica.......................... 71
Ângela Correia
Lingua e variación(s) no refrán das cantigas profanas galego-portuguesas ... 89
Manuel Ferreiro
Dos manuscritos á edición: dificultades interpretativas en ausencia de erros
e variantes .......................................................................................................... 115
Xosé Bieito Arias Freixedo
As cantigas de Estevan Travanca..................................................................... 133
Leticia Eirín
A camisa na cantiga de amigo: a propósito das orixes do xénero..................... 155
Gema Vallín
Genealogia das «Cantigas de Amigo» .............................................................. 163
José Carlos Ribeiro Miranda
«Quando con prazer, quando con pesar.»: appunti e pensieri di un filologo
connivente.......................................................................................................... 189
Pär Larson
A pegada documental da Balteira histórica: unha revisión crítica ............... 195
Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel
«Un cantar novo d’amigo»: a cantiga de amigo na poesía contemporánea..... 215
Teresa López
Sobre os autores e as autoras .......................................................................... 233
AUTORA
Leticia Eirín García (A Coruña, 1981) é unha destacada filóloga, investigadora e docente galega, cuxo labor intelectual se sitúa na vangarda dos estudos sobre a lírica medieval galego-portuguesa e a ecdótica (crítica textual).
Formación e Perfil Académico
Licenciouse en Filoloxía Galega na Universidade da Coruña (UDC), institución na que desenvolve o groso da súa carreira e onde se doutorou no ano 2012.
A súa tese de doutoramento, titulada A tópica da visión e o amor trobadoresco no cancioneiro de Don Denis, obtivo a máxima cualificación e sentou as bases das súas principais liñas de investigación: o estudo retórico-literario dos cancioneiros e a edición crítica de textos medievais.
- Directora do Departamento de Letras.
- Coordinadora do Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade.
- Adxunta de cultura da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte (2020–2024).
- Coordinadora do Grao en Galego e Portugués (2017–2020).
- Auto chamado dos Enfatriões, de Luís de Camões (2008): Edición desta peza teatral clásica para a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.
- O cancioneiro de Pero Mafaldo. Edición crítica (2014): Un rigoroso traballo filolóxico realizado en colaboración co catedrático Manuel Ferreiro e publicado polo Centro Ramón Piñeiro.
- A visión do amor no cancioneiro de Don Denis (2015): Monografía baseada nas súas pescudas doutorais e publicada por Edicións Laiovento, que inclúe o estudo e edición crítica de 33 cantigas de amor do rei trobador.
-
Por que non hei de cantar
(2025): Volume editado en colaboración con Xosé Manuel Sánchez Rei.
____
Editorial: COMPANHA EDITORA 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 237
HISTORIA DA MÚSICA
MÚSICA TRADICIONAL