É VENECIA ABANDNADA un libro de poemas en prosa escrito por Eduardo Estévez, que ten como fío condutor o paseo dun viaxeiro solitario por unha Venecia distópica que quedou deshabitada de forma imprevista. É unha reflexión sobre o lugar, os espazos comúns, o modo en que estes lugares se entrelazan coas marcas da cultura que os ordena; sobre o abandono, a transcendencia da pegada humana nos espazos físicos e as escollas que as persoas fan cando teñen que deixar atrás un lugar.
Os textos do libro dialogan coa música do Grupo 1500 (Belén Bermejo, Andrés Díaz e Pablo Ruibal): un conxunto de pezas que xiran arredor dos múltiples tópicos cos que se identifica a República Serenísima de Venecia. Obras escritas e musicadas en italiano antigo, latín, castelán e galego, o groso delas publicadas nas imprentas de música que funcionaban en Venecia no 1500.
O concepto do conxunto (e a súa orixinalidade) procura tender pontes con dous polos xeográficos e dous polos temporais. Venecia e Compostela, o século XVI e o XXI. Catro grandes imáns da cultura que interactúan para construír unha gran metáfora dos tempos que nos toca vivir. A imaxe da cidade deshabitada nos poemas e a música dos séculos finais da Idade Media e comezos do Renacemento, proxéctanse sobre as rúas abandonadas na Compostela da pandemia en arranxos escritos e interpretados por músicos galegos do século XXI.
Idioma: Galego