Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

TROMPETA

€16,50
ISBN 9788412600780

Ao falecer Joss Moody, célebre trompetista de jazz, desvélase un aspecto da súa vida que permanecera alleo á ollada pública. Así, mentres que a súa viúva, Millicent, se refuxia na aldea escocesa de Torr, onde se aferra aos recordos da súa relación, o fillo, Colman, acolle o achado con irado desconcerto. Estes e outros personaxes, amais da intrusiva xornalista Sophie Stones, completarán o relato dun tipo cunha vida xenuína; grazas, en boa medida, ao amor incondicional da súa parella, circunstancia que lle permitiu transcender os convencionalismos e rebelarse contra a visión monolítica das relacións humanas.

Publicada en 1998, Trompeta, a primeira e exuberante novela de Jackie Kay inspirada na vida do músico estadounidense Billy Tipton, acadou o prestixioso Premio de Narrativa auspiciado por The Guardian. Tras a estrutura complexa, a multiplicidade de voces e perspectivas e a potente prosa, intúese o influxo das grandes plumas escocesas e doutras mulleres anglófonas racializadas, como Zora Neale Hurston ou Toni Morrison.

Crítica e público lector salientan, entre outros aspectos, o tratamento que Kay lles dá a cuestións como o xénero e a identidade, a fronteira entre vida pública e privada, os procesos de dó e reconstrución persoal ou a esfera íntima e o código deontolóxico en contraste coa falta de escrúpulos. Por último, velaí tamén as diversas e oportunas mencións a grandes temas da escena jazzística, un recurso de ambientación que suma unha pátina de orixinalidade a unha prosa hipnótica e inclusiva.

Jackie Kay naceu en Edimburgo en 1961. Dada en adopción ao pouco de nacer (en Red Dust: An Autobiographical Journey, de 2011, conta as pescudas realizadas para coñecer as súas orixes), criouse no seo dunha familia branca, comunista e amante da música tradicional escocesa e do jazz.
Como autora, destacan o poemario The Adoption Papers (1991); esta novela, Trompeta (1998), posiblemente a súa obra máis soada e sen dúbida a máis traducida; o libro de relatos Why Don’t You Stop Talking (2002); ou o poemario Fiere (2011). A súa produción abrangue unha vintena aproximada de obras de xéneros variados; con todo, non hai que perder de vista outros moitos traballos radiofónicos, televisivos e mesmo libretos operísticos, así como un ensaio ao redor da figura de Bessie Smith, publicado en 1997 e reeditado con grande éxito en 2021. A cuestión da identidade é, por outro lado, unha preocupación recorrente na súa obra, sexa tratada dende unha óptica política en canto á relación de Escocia co resto do mundo, sexa dende unha óptica racial, sexual ou sociocultural.
En 2016 Kay entrou a formar parte da Royal Society of Edinburgh e recibiu a designación de makar, un título creado en 2004 equiparable ao de poeta nacional; ocupou o cargo entre os anos 2016 e 2021. Autora polifacética e multipremiada no sistema anglosaxón, dende 2006 é membro da Orde do Imperio Británico, distinción que acadou pola súa contribución á literatura en lingua inglesa. Noutra orde de cousas, é relevante tamén na súa traxectoria pública que entre 2015 e 2002 fose a reitora da Universidade de Salford.

____

Editorial: Hugin e Munin 10-2023
Idioma: Galego