Ir ao contido
Gastos de envío dende 1,95€! 📦
Gastos de envío dende 1,95€! 📦

TEMPO DE CORRESPONDENCIA

€17,50
ISBN 9788411107648

Talvez o noso maior acto de xenerosidade co resto das persoas sexa estarmos dispostos a comprender; mais para iso é preciso comunicar. Estas cartas representan a posibilidade de darse, de entenderse, e esgazan o espírito dogmático do século: a barbarie.
Xurdido do azar, da carencia e, en maior medida, da relación persoal entre Xesús Fraga e Xerardo Quintiá, «Tempo de correspondencia» valora a comunicación, non só como un acto de achegamento entre eles, senón como forma de reclamar un espazo onde entendernos a nós mesmos e, á vez, entendermos o outro, a outra. Se a maior capacidade da palabra é a de contar, os autores destes textos cóntanse un ao outro, e nese acto enfíase un posible sentido do existir, da amizade, da literatura como paixón e como forma de vida, da música e do cinema, das lecturas, da infancia no tempo pasado e dos proxectos do tempo futuro. Mais tamén se reflexiona sobre a inmensa escuridade do tempo presente, sobre a depresión como pozo, como Negra Sombra rosaliana. Talvez o noso maior acto de xenerosidade co resto das persoas sexa estarmos dispostos a comprender; mais para comprender é preciso comunicar. Estas cartas, xa que logo, representan por si mesmas esa posibilidade de darse, de entenderse, e esgazan o espírito dogmático do século: a barbarie.

Xesús Fraga naceu en Londres en 1971. Entre 1996 e o 2025 dedicouse profesionalmente ao xornalismo. Como escritor, cultivou o relato, a narración xuvenil e a novela. As súas últimas obras son «Virtudes (e misterios)» (premios Blanco Amor 2019 e Nacional de Narrativa 2021) e «Río Miño. Unha viaxe entre solsticios» (premio Eurostars de narrativas de viaxe 2023). Traduciu ao galego e ao castelán obras de autores como Barnes, Nabokov, Plath, Orwell, Defoe e Kerouac, entre outros. En 2023 foi comisario dunha exposición arredor da memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido en barco. Na colección Narrativa de Xerais e en coautoría con Xerardo Quintiá, publicou en 2026 «Tempo de correspondencia».

Xerardo Quintiá (Friol, 1970) é poeta e narrador. Como autor de literatura infantil publicou «A verdadeira historia do burro Feldespato (2003), «Ke-Tumba Ke-Tamba» (2006), «Titiritesa» (2007), obra traducida ao castelán, francés, portugués, inglés e éuscaro, «O país do gran furado» (2019), Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade, e «O corazón dos paxaros» (Xerais, 2023). Na colección Narrativa de Xerais e en coautoría con Xesús Fraga, publicou «Tempo de correspondencia» (2026).

____

Editorial: Xerais 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 144
NARRATIVA
EDICIÓN LITERARIA